O viaduto da A-6, máis prazas MIR, os trens Avril e o AVE a Portugal, parte das demandas do PP de Galicia a Sánchez para este 2023

Marta Gónzalez, deputada no Congreso: "Somos a maioría as persoas que cremos que o proxecto de Pedro Sánchez está esgotado e debe deixar paso ao proxecto de rigor e estabilidade que representa Alberto Núñez Feijóo".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/01/2023 | Actualizada ás 14:05

Comparte esta noticia

Un cronograma para a reconstrución do viaduto do Castro na A-6, a convocatoria de "máis" prazas MIR para liquidar a falta de médicos, a posta en marcha dos trens Avril ou compromisos coa conexión ferroviaria de alta velocidade entre Galicia e Portugal son algúns dos "desexos" para 2023 que o Partido Popular galego plasmou na súa "carta" ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez.

"Sabemos que Galicia non é un xoguete nin Pedro Sánchez un rei meigo que veña de Oriente", aseverou a deputada do PP no Congreso Marta González, que ofreceu declaracións aos medios este mércores na sede dos populares en Santiago para repasar as principais demandas para Galicia ao Executivo central de cara ao recentemente iniciado 2023, o ano "do cambio en España".

"Somos a maioría as persoas que cremos que o proxecto de Pedro Sánchez está esgotado e debe deixar paso ao proxecto de rigor e estabilidade que representa Alberto Núñez Feijóo", aseverou González, que augurou que nas eleccións locais de maio "a maioría demostrará que rexeita o desgoberno e a parálise" que, di, representa o Goberno liderado polos socialistas.

Así as cousas, a deputada na Cámara baixa acusou ao Executivo central de "abandonar" Galicia, polo que sentenciou que 2023 "será a última oportunidade" de Sánchez "de cumprir" coa comunidade galega "despois de catro anos sen facelo e que faga propósito de autoenmenda". "Os galegos necesitámolo", apostilou.

Así pois, os populares galegos expresaron os seus "desexos" para 2023 nunha "carta". "(Galicia) Fomos suficientemente bos e merecémolo, como parece que o foron outras comunidades que lle interesan máis electoralmente a Sánchez", engadiu antes de relatar as peticións para o novo ano.

Entre elas está a elaboración dun "cronograma" e a concreción de "orzamentos" para a reconstrución do viaduto da A-6 colapsado entre as provincias de Lugo e León, o traspaso das competencias de xestión do dominio marítimo terrestre ou a convocatoria de "máis prazas" MIR e a creación da especialidade de médico de urxencias.

Tamén demandan a posta en funcionamento dos trens Avril que servirán para estender a liña de alta velocidade ferroviaria por Galicia e avances na comunicación con Portugal por AVE, así como a "axilización" dos fondos europeos e un plan director para o corredor atlántico.

Deste xeito, González contrapuxo a xestión do Goberno dos asuntos que "preocupan" aos galegos co traballo que realiza a Xunta, que "soluciona os problemas do día a día" como, por exemplo, "conxelando" as peaxes das estradas autonómicas.

"Convidamos a Pedro Sánchez a seguir o exemplo do Goberno de Alfonso Rueda no que ten que ver con gobernar cos pés na terra", incidiu González antes de animar ao socialista a que "se segue na mesma, se faga ao carón e convoque eleccións xerais".

A deputada do PP Marta González
A deputada do PP Marta González | Fonte: PP

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta