Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/01/2023 | Actualizada ás 17:14
A biografía do arquéologo e sacerdote nado en Santiago de Compostela Xesús Carro é a última incorporación ao Álbum de Galicia, creado polo Consello de Cultura Galega, en recoñecemento por ser o pioneiro nos estudos xacobeos e a súa axuda para transcribir o códice calixtino.
Na biografía, asinada por Adrián Estévez, ofrécese toda a produción divulgativa e investigadora ao redor desta figura que formou parte do Seminario de Estudos Galegos e foi nomeado fillo predilecto de Santiago de Compostela dous anos antes do seu falecemento, en 1973.
Este Álbum foi presentado en xaneiro de 2020 e consiste nunha colección dixital de biografías de persoas destacadas en diversos ámbitos: sociedade, cultura, ciencia ou empresa. As últimas incorporacións, á parte de Xesús Carro, son as biografías de Chichi Campos, Luís Rey, Marcos Valcárcel e Agustín María Acevedo.
A idea desta colección é dar visibilidade a numerosas persoas ilustres, xa falecidas, que dalgunha forma han contribuído á sociedade galega e que, con todo, seguen sendo grandes descoñecidos para o público de todas as idades.
A día de hoxe conta con máis de 600 entradas que permiten conecer a vida a obra e a produción intelectual das persoas divulgadas. Así mesmo, as biografías están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia.
XESÚS CARRO
Nacido en 1884, foi nomeado presbítero en 1909 e estivo destinado na colexiata de Santa María do Sar. Posteriormente, colaborou con Sociedade de Amigos do País e alí foi nomeado para a creación dunha sección de historia e arqueoloxía galega, especialidade á que se afeccionou durante os seus estudos no Seminario.
Neste sentido serviu de ligazón entre os historiadores autóctonos e estadounidenses, chegando a axudar a Walter Muir Whitehill na súa transcrición do Códice Calixtino.
En 1928 ingresou no Seminario de Estudos Galegos, onde dirixiu a sección de arqueoloxía e arte. Desde este posto redactaba destacadas artigos sobre a Catedral de Santiago para a revista 'Nós'.
"Despois do golpe de estado de 1936 procurou salvar material da editorial Nós e do Seminario de Estudos Galegos, como algunhas láminas con miniaturas do Códice Calixtino", subliña Adrián Estévez na súa entrada.
Tamén formou parte do Instituto de Estudos Medievais e foi membro correspondente da Real Academia de Historia de San Fernando. O seu último recoñecemento foi o de ser nomeado fillo predilecto de Santiago de Compostela en 1971, cidade na que faleceu dous anos despois.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.