Ecoloxistas denuncian que o plan reitor das Fragas do Eume "só protexe un 3,3%" do parque natural

Afirma que "mostra unha absoluta falta de vontade por conservar ou recuperar os hábitats".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 10/01/2023 | Actualizada ás 19:07

Comparte esta noticia

A Federación Ecoloxista Galega rexeita o proxecto de plan reitor de uso das Fragas do Eume, un texto elaborado pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural, que "mostra unha absoluta falta de vontade por conservar ou recuperar os hábitats", xa que "só protexe un 3,3%" do parque natural, o que se traduce en 304,01 hectáreas das 9.106,36 existentes.

Fragas do Eume
Fragas do Eume | Fonte: EP

Lamenta que a elaboración deste plan, en fase de trámite de audiencia pública, chega con "25 anos de atraso respecto das esixencias legais" e acusa a Xunta dun "incumprimento da lexislación comunitaria" por esta falta de protección.

Así, a Federación expón que un dos mellores expoñentes de bosque atlántico de Europa necesita maiores medidas de protección e normas para a recuperación de zonas degradadas. Asegura que unha das maiores ameazas para pola presenza de especies pirófitas, como eucaliptos e piñeiros, que favorecen a propagación do lume, e lembra que en 2012 arderon 750 hectáreas --350 hectáreas dentro do parque natural--, ademais de que o pasado verán houbo un incendio en Queixeiro.

Ademais, os ecoloxistas reprochan que "non se actúa para evitar os danos producidos polos cambios bruscos do caudal ou a contaminación procedente do encoro da Capela", ao que se une "a proliferación de parques eólicos" na contorna e que se permita a caza con cans que provocan danos "imposibles de controlar".

Así mesmo, a Federación Ecoloxista Galega tacha de "ridículo" o orzamento previsto de dous millóns de euros para un período de 10 anos, "claramente insuficiente" para cubrir as tarefas e persoal necesarios en diferentes aspectos como conservación, restauración ou vixilancia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta