Alimentos Lácteos, afundir o agro con diñeiro público

A historia comeza hai xa seis anos. En 2008, a empresa Leche Pascual clausurou a actividade da súa planta en Outeiro de Rei, na Terra Cha. As consecuencias? Un expediente de regulación de emprego –é dicir, despedimento- para os 71 traballadores. A factoría fora concibida para elaborar un so produto, leite UHT, con 400.000 toneladas métricas de capacidade de procesado ao ano.

Por Antón Sánchez García | Bergondo | 04/12/2014

Comparte esta noticia
Axiña a Agrupación de Cooperativas Lácteas (Acolat), liderada por Feiraco e cunha cota de produción achegada ás 400.000 tm –máis ou menos o 20% da produción total galega- iniciou negociacións con Leche Pascual. Acolat quería a cesión da planta de Outeiro de Rei. Pero chegou o Partido Popular e mandou parar. Romay Beccaría, ese auténtico artífice na sombra da dereita galega, e o daquela conselleiro en Galiza Samuel Juárez, interviñeron para impedir que as cooperativas encabezadas por Feiraco –non aliñadas co PP- levasen adiante o seu proxecto. Impulsaron un outro grupo, Alimentos Lácteos, á fronte do cal se situaron La Arzuana e Gancobre. Sumaron nove cooperativas e un total de 90.000 tm de leite -88.300 tm de cota láctea. E neste punto, da man do PP, comezou a infamia.
 
A actividade de Alimentos Lácteos arrincou a finais de 2009 e cesou o un de marzo de 2013. A dirección da compañía presentou concurso de acreedores o 23 de maio do pasado ano. Tres anos de política empresarial caciquil e de utilización do patrimonio público en beneficio privado deron os seguintes resultados: unha débeda acumulada de case 21 millóns de euros; préstamos públicos –a través de Xesgalicia- sen retorno e por  9 millóns de euros; 2,5 millóns de euros de débedas cos gandeiros; 79 traballadores na rúa; as cooperativas asociadas perderon o aval e o crédito participativo, en total 7,4 millóns de euros, e algunhas, como Gancobre, en concurso de acreedores. No xeral, terra queimada e desconfianza a esgalla entre as fileiras do cooperativismo.
Leche Pascual tiña o compromiso, no caso de que Alimentos Lácteos solicitase antes de tres anos concurso de acreedores, de facerse cargo das indemnizacións por despido aos traballadores da planta, nas condicións negociadas no seu ERE, que supoñía o pago de 2,5 millóns de euros e unhas mellores condicións para os traballadores.
E digo supoñía, porque sospeitosamente Alimentos Lácteos agardou pacientemente a que  pasase o prazo antes dito, e así Leche Pascual liberouse da obriga de pagar e os traballadores fóronse á rúa cobrando moito menos.
 
Reparto dunha ópera bufa
 
Esta ópera bufa ten protagonistas de seu. Alberto Núñez Feijóo redactou o seu libreto, pero o autor intelectual chámase José Manuel Romay Beccaría. Estes dous contaron cun brazo executor:Samuel Juárez. 
 
Tamén aparecen actores secundarios como Javier Guerra, cargos de Xesgaliciae IGAPE.
 
Eles afastaron ás cooperativas que non eran afíns ao PP, e que tiñan a capacidade, e colocaron aos seus ao fronte, ao presidente de La Arzuana e tenente de alcalde polo PP no Concello de Touro Eugenio Elisardo Montero e o ao ex presidente de Gancobre e teniente de alcalde na Pastoriza polo –si- PP Arcadio López, ambos os dous condenados a devolver 236.400 euros cobrados irregularmente de Alimentos Lácteos. A maiores, o economista e auditor de contas Miguel Prieto levaba 6.000 euros ao mes. 
 
As responsabilidades dos administradores xa están a ser xulgadas. Pero existen responsabilidades políticas evidentes. Os seus autores agóchanse na Xunta e no Partido Popular. Foron eles os que tutelaron este catastrófico proceso dende o minuto un, os que escolleron as cooperativas participantes a forza de criterios clientelares e caciquís, os que emprestaron diñeiro público a un proxecto sen pés nin cabeza, os que incharon a burbulla mesmo despois de que Alimentos Lácteos entrase nunha fase obxectiva de disolución, os que deixaron que se pasara o prazo para que Pascual pagase as indemnizacións aos traballadores,os que continúan a tapar información nuclear para dilucidar culpabilidades políticas. Por estas e outras cuestións, incluídas na política xeral de afogamento do agro impulsada pola dereita de Núñez Feijóo, cómpre que o derradeiro capítulo desta opereta o escriba o pobo, os responsábeis paguen e a verdadeira historia emerxa á luz.
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA