O Sergas cifra en máis de 2.600 as urxencias diarias atendidas no que vai de 2023, cifra "moi superior" a anos anteriores

Sanidade apela á "tranquilidade": "Se alguén vai a urxencias será atendido sempre e en base a unha prioridade que se determina de modo obxectivo".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/01/2023 | Actualizada ás 17:05

Comparte esta noticia

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) cifra nun total de 28.279 as urxencias atendidas en adultos entre o 1 de xaneiro e este mércores, día 11, o que supón un número "moi superior" ao volume de asistencias que atende o sistema en anos anteriores. Iso si, a porcentaxe de ocupación hospitalaria sitúase ao redor do 75 %, "similar ao ano 2019".

Son cifras que ofrece a Consellería de Sanidade a Europa Press, tras ser consultada sobre a situación e "saturación" que denuncian diversos colectivos e sindicatos de varias áreas sanitarias galegas. De acordo cos seus relatos, a falta de médicos nos puntos de atención continuada (PAC) e as esperas nos centros de saúde acaban por "colapsar" as urxencias hospitalarias, con escenas de decenas de pacientes nos corredores á espera dunha cama.

Así, a Administración galega recoñece que o número de urxencias atendidas en adultos (maiores de 14 anos) é "moi superior" a anos anteriores: 28.279 asistencias entre o 1 e o 11 de xaneiro, que supoñen case 2.600 cada día. Con todo, o que si é menor é a porcentaxe de ingresos que se producen, un 19,36 % durante estas datas.

En base a estas cifras oficiais do Sergas, o mesmo ocorre coas urxencias pediátricas, que foron un total de 6.054 nos once primeiros días de 2023. Neste caso, a proporción de ingresados é moi inferior á de adultos, en torno ao 5 %.

"MAIOR AFLUENCIA DE PACIENTES"

Sobre as denuncias de "colapso" do sistema, a Consellería de Sanidade apunta a Europa Press que a actual época do ano produce "un marcado aumento das patoloxías respiratorias e, por conseguinte, unha maior afluencia de pacientes", o que "pode supor que se retarde nalgúns casos a atención".

En calquera caso, tal e como manifestou esta mesma semana ante os medios o conselleiro do ramo, Julio García Comesaña, o departamento sanitario da Xunta asegura que, cando un paciente chega a un dos 14 servizos de urxencias hospitalarias, fáiselle "unha triaxe previa por un profesional" para así diferenciar os doentes que non poden esperar e que "se atenden de inmediato" dos que si poden agardar, que se clasifican "na súa franxa horaria de resposta adecuada".

Neste contexto, Sanidade envía unha "mensaxe de tranquilidade á cidadanía": "Se alguén vai a urxencias será atendido sempre e en base a unha prioridade que se determina de modo obxectivo e asistencial".

A Consellería, en resposta a Europa Press, sinala que cada unha das sete xerencias das áreas sanitarias teñen en marcha plans de continxencia para facer fronte aos picos de demanda derivados da gripe e patoloxías respiratorias estacionais, a través de "medidas para dar resposta ás necesidades asistenciais".

Edificio da Consellería de Sanidade e Servizo Galego de Saúde (Sergas), en San Lázaro, Santiago de Compostela
Edificio da Consellería de Sanidade e Servizo Galego de Saúde (Sergas), en San Lázaro, Santiago de Compostela | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta