Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/01/2023 | Actualizada ás 16:06
A Xunta de Galicia habilitou unha liña de axudas á creación escénica, dotada con 800.000 euros, para novos espectáculos producidos en Galicia.
A convocatoria, que xa recolle o Diario Oficial de Galicia (DOG), está destinada á produción de teatro, danza, maxia ou circo e forma parte da canle específica de axudas ao sector. Ademais, tal e como avanzan nun comunciado, verase complementada nas próximas semanas con novas partidas dirixidas ás salas de exhibición de titularidade privada, aos festivais escénicos e á distribución das industrias culturais.
Explican que coas bases publicadas este venres o obxectivo é "contribuír á actividade laboral e á estrea das novas propostas escénicas das empresas e artistas con actividade maioritaria en Galicia".
A convocatoria divídese en catro categorías: espectáculos de empresas de nova creación; montaxes de teatro, novo circo e maxia, e de danza; e artes do movemento e actividade escénica plurianual.
DISTRIBUCIÓN POR MODALIDADES
Dos 800.000 euros dispostos, 430.000 resérvanse á produción de propostas de teatro, novo circo e maxia, que poden subvencionarse en ata un 75 % do seu orzamento cun límite de 60.000 euros por proxecto.
Outros 100.000 euros corresponden a espectáculos de danza e artes do movemento, nos que esta axuda pode alcanzar tamén o 75 % ata un máximo de 37.500 euros, e 70.000 euros son para os proxectos de empresas de nova creación, nos que a intensidade do apoio elévase ata o 90 % cun límite de 18.000 euros por adxudicación.
Ofrecen tamén a posibilidade de concorrer á concertación de varios proxectos de forma plurianual, modalidade para a que se destinan 200.000 euros coa finalidade de "favorecer o funcionamento de equipos e proxectos de empresas teatrais consolidadas".
Detallan que as súas planificacións, a tres anos, deben conter, como mínimo, unha produción e unha xira de 70 funcións tanto no mercado galego como no exterior. A cantidade máxima a percibir por esta categoría é de 100.000 euros, cun límite do 80 % sobre o orzamento do proxecto presentado.
As persoas físicas (autónomas) ou xurídicas privadas, así como as súas asociacións ou unións temporais de empresas interesadas en presentar os seus proxectos á convocatoria para este ano (en réxime de concorrencia competitiva), teñen un mes de prazo para facelo (a partir deste sábado e ata o 13 de febreiro de 2023).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.