Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/01/2023 | Actualizada ás 16:41
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, considerou que a decisión do Tribunal Supremo de non admitir a trámite o recurso do avogado do Estado ao plan galego de marisqueo evidencia que o Goberno "ten que escoitar" a Galicia á hora de xestionar "a explotación" do seu litoral e os seus recursos pesqueiros con respecto á conservación do medio ambiente e a Constitución.
Así se pronunciou en declaracións aos medios o presidente galego en Ribeira, onde mantivo este sábado un encontro con representantes das confrarías galegas no que tamén participou a conselleira do Mar, Rosa Quintana.
Para Rueda, a decisión da a sala do contencioso administrativo do Tribunal Supremo coñecida este venres "é a demostración" de que a Xunta tiña "razón" e que o recurso ao plan de marisqueo "non tiña ningún fundamento".
A continuación, o presidente galego lamentou que "agora" o Goberno central "empéñase en que Galicia non xestione o seu litoral", en alusión á normativa anunciada pola Xunta que o secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán, cualificou de "case unha declaración de independencia".
"As palabras fóra de ton e oporse a diario a todo o que propoña a Xunta fai que ao final teñan os tribunais que intervir. Non queremos iso, queremos facer as cousas ben e, se pode ser da man do Goberno central, moitísimo mellor", concluíu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.