A Xunta traballa en protexer as "escasas e delicadas" zonas húmidas en plena avalancha eólica

Traballa en incluír 400 espazos naturais no inventario de Zonas Húmidas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/01/2023 | Actualizada ás 13:40

Comparte esta noticia

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Anxos Vázquez, comunicou que a Xunta traballa na inclusión de 400 espazos naturais no Inventario de zonas húmidas de Galicia, un rexistro de carácter público con información sobre o número, extensión, valores e estado de conservación dos espazos deste tipo existentes na comunidade. Un anuncio que chega cando se teñen aprobado numerosos parques eólicos que suman case 3.000MW, o dobre da enerxía eólica que ten Galicia na actualidade

Así o avanzou durante a súa visita este sábado a unha das zonas que se incorporarán ao respectivo inventario, a lagoa de San Pedro de Muros a escasos días da celebración do Día Mundial dos Humidais, o xoves día 2 de febreiro.

Ademais, a responsable autonómica explicou que soamente na provincia da Coruña hai 216 espazos destas características, o que a converte nunha zona especialmente "rica" neste tipo de ecosistemas.

Desde a Xunta reafirmaron, a través dun comunicado, que estas zonas son "espazos naturais escasos e delicados", que proporcionan un gran número de recursos e constitúen un valioso patrimonio cultural e natural.

Nesta liña lembran que Galicia é a terceira comunidade española con máis humidais incluídos na lista Ramsar, un recoñecemento internacional que é outorgado aos espazos deste tipo máis representativos de todo o mundo e do que gozan o seis zonas húmidas galegas: a ría de Ortigueira e Ladrido; a lagoa e areal de Valdoviño; o complexo intermareal Umia-O Grove-A Lanzada; o complexo das praias, lagoa e duna de Corrubedo; a ría de Ribadeo; e o Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas.

Humidal e braña en plena zona húmida
Humidal e braña en plena zona húmida | Fonte: Ecoloxistas en Acción

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta