O director xeral da CRTVG critica a BNG e PSdeG: "Se sigo no cargo é porque non hai un acordo no Parlamento"

A oposición volve denunciar o incumprimento da Lei de Medios pola falta de creación do estatuto profesional e o consello de informativos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/01/2023 | Actualizada ás 13:52

Comparte esta noticia

O director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, defende que "é incuestionable" a súa lexitimidade á fronte da corporación pública, cargo no que leva desde a chegada do PPdeG á Xunta en 2009, xa que destaca que é "potestade" do Parlamento galego conseguir unha maioría de dous terzos necesaria para o cambio.

Na comisión parlamentaria da CRTVG, a oposición volveu a realizar senllas preguntas sobre o incumprimento da lei galega de medios públicos, pois desde 2011 segue sen porse en marcha o estatuto profesional nin o consello de informativos.

Así, Olalla Rodil (BNG) acusou ao PP de ser "quen está a bloquear" esta renovación, que leva a que Sánchez Izquierdo continúe no cargo co mandato caducado, mentres o líder dos populares, Alberto Núñez Feijóo, "vai por aí dicindo que hai que despolitizar os medios dos demais".

Nesta liña, Natalia Otero (PSdeG) denunciou o "descaro e impunidade" coa que o PP e a dirección da CRTVG incumpren de forma reiterada a Lei de Medios tras 12 anos da súa aprobación. Recrimina que "ninguén asume responsabilidades" por "incumprir pola cara un mandato legal deste Parlamento".

O director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, en comisión
O director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, en comisión | Fonte: Europa Press

ACORDO NA CÁMARA

En cambio, Sánchez Izquierdo dixo que a oposición "cuestiona a lexitimidade desta Dirección Xeral", pero el sostén que é "incuestionable". Remarca que a posibilidade de cambio recae na Cámara. "É a súa decisión e responsabilidade á hora de porse de acordo".

De feito, apunta que ata en tres ocasiones os grupos chegaron a acordo para facer cambios no Consello de Administración da CRTVG coa "mesma maioría" que necesitan para relevar ao director xeral, algo que di "non entender moi ben visto desde fóra". "Non é esixible a este director xeral a responsabilidade sobre o desenvolvemento da lei que recae en terceiros", afirma.

Sánchez Izquierdo asevera que "é incuestionable" a súa lexitimidade como director xeral e que a "potestade" do cambio é da Cámara. "Por que non chegan a consenso para cambiar a este director xeral?", pregúntase. Ademais, o director xeral indicou que, nunha "mirada comparativa", os "poucos" medios públicos que contan co estatuto e consello de informativos aínda inexistente na Corporación galega "teñen unha crítica semellante ou superior" á CRTVG.

"PERSECUCIÓN POLÍTICA"

Así mesmo, a oposición denunciou a "persecución política" no ente público e esgrimiu a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza que condena á CRTVG por vulnerar os dereitos fundamentais dun traballador.

Sobre este extremo, Sánchez Izquierdo quéixase de que "se pretende dar unha imaxe que non se corresponde sobre a TVG", posto que "o único caso con afectación a dereitos fundamentais" supón "unicamente o 0,35% da litixiosidade de toda a Corporación"."Dicir, por tanto, que a partir dun 0,35% de incidencia póidase establecer un patrón de suposta represión e violación de dereitos fundamentais era e segue sendo, como mínimo, absurdo e falso", asevera.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta