A Deputación de Pontevedra presenta 'Gravadas na memoria', con testemuños da represión franquista

Son cinco pezas audiovisuais dispoñibles na web da Deputación e que se divulgarán en centros da provincia e colectivos de memoria histórica.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/02/2023 | Actualizada ás 17:37

Comparte esta noticia

O departamento de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra presentou este venres o proxecto 'Gravadas na memoria', unha iniciativa que recolle en cinco pezas audiovisuais con testemuños de persoas que viviron moi de preto a represión franquista.

Os vídeos estarán dispoñibles a través da páxina web da Deputación de Pontevedra e divulgaranse entre os colectivos de memoria e os centros de ensino da provincia. As responsables da recollida de información e de realizar as entrevistas coas persoas protagonistas dos vídeos foron Eva Mejuto e María Xesús López Escudero.

Nunha rolda de prensa celebrada este venres, a deputada de Memoria, María Ortega, explicou que o proxecto se puxo en marcha porque pasadas case nove décadas do alzamento fascista xa é moi complicado atopar testemuñas directas e "parecíanos vital que non se perdesen as súas voces".

As gravacións teñen unha duración aproximada de 50 minutos cada unha e permiten facer un percorrido pola memoria do tempo republicano, concretamente da escola, do golpe, ou da represión que chegou despois, tendo un protagonismo moi especial a illa de San Simón.

Dáse voz a persoas de diferentes comarcas da provincia que no seu momento estiveron na illa visitando aos seus familiares no tempo que foi cárcere e mesmo se recollen as palabras da descendencia dun dos matrimonios que se forxou entre un preso e unha madriña.

'Gravadas na memoria' forma parte dun proxecto de recuperación da memoria en primeira persoa que se completa coa edición de relatos autobiográficos como o de Mariví Villaverde e co programa 'Cae de caixón', que recompila fotografías e documentación en mans de particulares para facelas públicas a través de Atopo --o buscador provincial--.

Carmela Silva na rolda de prensa deste venres
Carmela Silva na rolda de prensa deste venres | Fonte: DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta