Por Galicia Confidencial | Compostela | 06/02/2023 | Actualizada ás 12:58
"Nova York, Novos Poemas / New York, New Poems", o último poemario de Claudio Rodríguez Fer será presentado este martes en Santiago. Trátase dun percorrido persoal do autor pola cidade á que foi como profesor desde 1992. Dende entón, volveu en numerosas ocasións á gran metrópole multicultural a pronunciar conferencias sobre literatura ou a ofrecer recitais poéticos, moitos deles políglotas, polo que dita cidade apareceu con frecuencia na súa obra, tanto poética como narrativa
Agora, a editorial Small Station Press vén de editar o libro "New York, New Poems / Nova York, Novos Poemas", que reúne en edición bilingüe galego-inglesa a maior parte da poesía que Claudio Rodríguez Fer escribiu en Nova York. A tradución correu a cargo dos filólogos neoiorquinos Diana Conchado e Clifford Irizarry, a primeira dos cales xa realizara outras versións inglesas de poemas de Claudio Rodríguez Fer e fóra responsable da súa panorámica antoloxía bilingüe "Deathless Loves / Amores sen Morte".
Así mesmo, Diana Conchado é autora do prólogo á edición, todo un ensaio sobre a poética de Claudio Rodríguez Fer en conexión co pensamento ecolóxico, titulado "A pacer nos signos: a ecoloxía urbana da Nova York de Claudio Rodríguez Fer", traducido ao galego pola políglota lingüista romanesa Adina Ioana Vladu. Nel, Diana Conchado destaca a profunda harmonía presente na poética claudiana: "Dentro do pensamento ecolóxico, a existencia é sempre coexistencia."
Na presentación lerase o comprometido canto tribal "Revolución rosaliana en Nova York", en homenaxe á emigración e ao exilio dos galegos e das galegas en Nova York.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.