A baixa salinidade provoca a morte de máis dun 80% do berberecho na ría de Noia

Os mariscadores piden á Xunta unha parada biolóxica subvencionada

Por Europa Press / Redacción | Noia | 15/02/2023 | Actualizada ás 17:45

Comparte esta noticia

A asistencia técnica da Confraría de Noia cifra nun 81,3% a mortaldade do berberecho de talla comercial na ría, segundo recolle nun informe que atribúe esta situación á "prolongada" baixa salinidade, con niveis do 0%.

Segundo informou a propia Confraría de Noia, a xunta xeral acordou --por unanimidade--, ante os resultados deste informe, non renovar a campaña marisqueira o vindeiro luns, 20 de febreiro, ata novo aviso.

E é que esta baixa salinidade tamén provocou que morrese o 77% da cría de berberecho, así como do 54% da ameixa japónica de talla comercial. Por tal motivo, "ante esta catástrofe", os mariscadores reclaman á Xunta de Galicia unha parada biolóxica subvencionada durante dous meses.

Nos últimos meses, os produtores xa avisaran de danos nos bancos marisqueiros polas choivas e a baixada de salinidade na ría de Muros e Noia. Ao redor de 1.500 persoas, entre mariscadores a pé e desde embarcación, están autorizadas para a extracción de berberecho, ameixa fina, ameixa babosa e ameixa xaponesa nesta ría.

Marisqueo na ría de Noia
Marisqueo na ría de Noia | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta