Dun "politizado" á atención do sr. Rueda

Presidente no Goberno de Galiza e con competencias en sanidade pública. Supoño que teño que empezar por usar o tratamento que lle cómpre:

Por Xaquin Campo Freire | Momán | 16/02/2023

Comparte esta noticia
 
EXCELENTÍSIMO SEÑOR:
 
Eu, o cidadán Xaquín, sen máis títulos, porque tampouco teño máis, salvo a saúde e a vellaría que me acompañan e, que por ter data de caducidade a curto prazo, coma os iogures, pediría ser atendido pola Atención Primaria da Sanidade, integral e integrada, en todo o sistema Público de Saúde. E non quero ser derivado a ningún centro sospeitoso de non enviar logo á miña historia clínica nin os resultados fiábeis das probas que fun facer. Eu nin me fío e si desconfío moito de cousas que me pasaron “nesas derivacións ou desviacións”, que xa non sei ben o que foron.
 
Si, Sr. Rueda, Excmo. Sr. Si. Eu son un deses “politizados”. E eu estou politizado porque cando precise da Sanidade Pública, que cada vez é máis habitual dados os 86 anos de idade que teño, este que subscribe, o cidadán Xaquín, sen máis aditamentos, teño que dicirlle que eu estou “politizado absolutamente”. Porque eu si que fun a Santiago de Compostela o día doce, domingo, ás doce horas dese día tan diáfano e dunha luz tan deslumbrante que poñía negro sobre branco canto pasase polo negatoscopio da súa pantalla coas nosas vidas e necesidades de saúde, que  para iso nos autoconvocamos todas e todos. 
 
Eu estiven alí, benquerido e Excmo. Sr. Presidente D. Alfonso Rueda, o MEU Presidente. E a xente non deu entrado no Obradoiro. Había grandes grupos por todas as rúas da contorna e esas non se viron ni se quixeron contabilizar. Pero estaban e estabamos alí. E sabían e sabiamos moi ben ao que íamos. 
 
Non, Sr. Rueda, Excmo. Sr. Eu non estaba na Feira do Cocido Lalín. Por iso non me veu. Nin me revestín coa Capa desa Real Orde. Porque para festexar o cocido e lacón con grelos preciso de saudiña e ter o colesterol nos seus parámetros axeitados e a tensión e a glicemia nos algoritmos protocolarios e teño de ir ao controlo do sintrom en quendas moi esixentes. E ademais saberá, Excmo. Sr., “os grelos están absolutamente contraindicados no sintrom”.
"Que estamos politizados?" E vostedes, non, Excelencias? Se tan malo é estar politizado para a defensa da SANIDADE PÚBLICA, UNIVERSAL E DE CALIDADE, INTEGRAL E INTEGRADA, que fan vostedes desbaldindo algo tan absolutamente necesario nun país democrático e civilizado? Iso no é politización?
 
Iso si é estar politizado, pero de forma noxenta por incapaces e xa non digo o outro apelativo real que lles cómpre. Sr. Rueda, esta é a herdanza maldita que nos deixou o Excmo. Sr. Feijoo, o seu predecesor,  ese "gran xestor"! 
 
E unha preguntiña máis: A súa mamá de vostede, se ten a sorte de que viva, que ogallá!, e a quen eu desexo con toda a alma que goce da mellor saúde e que sexa ben atendida como cómpre, ou calquera dos seus que teña na familia extensa, incluídos os nenos, verdade que para eses non hai listas de espera, nin falta de pediatras ou das probas diagnósticas, as que fagan falta e ao instante? Pero aos que non somos “excelentes” non lle nos pasa “iso”. Por “iso” mesmo estamos politizados.
 
Cal é a diferenza entre vostedes e don Xan Paisano? Nós temos só un minuto de politización. Ese minuto de politización que nos tiran como esmola o día das eleccións, cales sexan elas. Aí berran e vístense con capas de lagarterana, e escoitamos nas rúas os altofalantes: "É UN DEBER CIDADÁN E PATRIÓTICO ACODIR AS URNAS!"
 
A culpa é-lle nosa: Entregarlles o poder para destruírnos a cotío? NUNCA MÁIS! Esperta do teu sono, Fogar de Breogán! Dan noxo! E sen conciencia. 
 
Que pasou cos "vellos" das "Residencias Xeriátricas" no COVID? E aínda segue a cousa! Diría Curros: "Se este é o mundo que eu fixen, ........" Con vostedes ou sen vostedes, NUNCA MÁIS!, Excelencia. 
 
Pois claro que estamos politizados! e absolutamente enrabexados, pero con honra e razón. Os cancros de útero ou os de mama ou outras patoloxías das nosas tan benqueridas mulleres non entenden de prazos de cinco meses, dous anos, etc. Porque xa non dan entrado na consulta de Atención Primaria e logo unha petición a especialidades, que te chamarán cando poidan por máis que o médico de familia poña PREFERENTE, URXENTE, etc. E iso non se diagnostica telematicamente, como dixo o Sr. Feijoo. A prevención precoz é absolutamente decisoria. Ou chegas a tempo ou deixas nenos orfos e sen nai. E eu sei moi ben o que ser orfo de nai con moi pouquiños anos. Pero iso foi para min a comezos dos anos corenta. Aínda o Dr. Fleming  non dera cos antibióticos.
 
Eu sei, Sr. Rueda, que esta é a herdanza envelena do seu antecesor, o Sr. Feijoo. Ese señor de verbo fácil e palabras inconsistentes, as do “bo xestor” ? 
 
Pero vostede non é inocente. Estivo acompañando, moi de pertiño, a ese señor. Formou sempre parte das equipas dos seus Goberno e desas gobernanzas e apoiou e defendeu sempre esas políticas sabendo que detrás había manobras pouco claras. 
E que pasou e segue a pasar cos Xeriátricos, Sr. Rueda? Sairán á luz algún día os berros silenciosos que xorden desde os nosos cemiterios dos que morreron, polo que morreron e como morreron? 
 
E os dos seus familiares, que nin puideron velos nin tampouco recibiren informacións serias e fidedignas, que foron e seguen a ser afogadas as súas voces, que nin sequera teñen dereito a teren un psicólogo ou psiquiatra que agora lles axude a superaren as falsas culpabilizacións, pesadelos, soños reiterativos de inquedanzas de conciencia porque cren que non fixeron canto poderían facer ante as inxustizas que se vían a ollos vista, e que detrás había responsábeis e executores nominais?
 
Tiñamos razón ou non para estarmos o domingo,  dia 12 de febreiro,  no clamor de Santiago? E el non deberiamos ter saído xa hai moitos anos aos “Obradoiros” de todos os 323 Concellos da Galiza e os de España? 
 
Si, Excelencia. Eu non son político, con afiliación partidista en concreto. Pero si estou absolutamente “politizado” porque no bacharelato, xa daquela, nos explicaban ao señor Aristóteles. El  dicía e definía o que é a política e o que  é ser cidadán, “a civis”,  e cal a participación política, cidadá, como construción cotiá e responsábel da “polis”. 
NON ARRUINEN A SANIDADE PÚBLICA, DE CALIDADE E IGUAL PARA TODOS, INTEGRAL E INTEGRADA. TAMÉN PARA VOSTEDES, NATURALMENTE. NON QUEREMOS BENEFICENCIA. PERO SI SANIDADE PÚBLICA, IGUALITARIA E DE CALAIDADE PARA TODOS!
 
De nada! Señores da Xunta.
 
Afectuosamente,  Xaquín Campo Freire,  Cidadán Xaquín, coa excelencia de ser un deses case tres millóns de habitantes desta nosa Galiza. Saudiña!

Manifestación a favor da Sanidade Pública en Santiago 13 de febreiro 2023
Manifestación a favor da Sanidade Pública en Santiago 13 de febreiro 2023 | Fonte: sos sanidade pública a mariña
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xaquin Campo Freire Nado en San Xiao de Roca-Guitiriz, Lugo, en 1937. Licenciado en Teoloxía Pastoral Sanitaria por Roma. ATS-DUE. Experto Universitario en Enfermaría Comunitaria e tamén en Urxencias e Coidados Itensivos. Diplomado en Coidados Paliativos. Traballou de enfermeiro no Hospital Marcide de Ferrol e no PAC de Fene. Foi capelán da Residencia de Anciáns de Piñeiros-Narón. Na actualidade é director do Centro de Acompañamento e Relación de Axuda e Director da Escola de Saúde e Centro de Escoita Activa “Mons. Araúxo”. Membro das Sociedades Española e Galega de Xeriatría, do consello de redacción da Revista “Encrucillada", da Asociación de Escritores en Lingua Galega e participou con ponencias en diversos Congresos. Ten escrito numerosos artigos relacionados coa saúde. Leva varios anos exercendo un voluntariado no Cárcer de Teixeiro (A Coruña). Ten dous libros escritos. 1) A viuvez na Pastoral da Saúde. Un estudo sobre da viuvez na Galiza. 2) Ese que está no cárcer é meu irmán. Sobre a vida dos nosos reclusos e as súas familias, sen esquecer o problema das vítimas.