Por Europa Press / Redacción | Pontevedra | 16/02/2023 | Actualizada ás 15:59
A Xunta de persoal do Concello de Pontevedra denunciou este xoves nunha comparecencia de prensa que 17 traballadores municipais foron investigados pola administración local. Despois de destapar a contratación por parte do Concello dun detective privado para investigar a un bombeiro e certificar a súa baixa médica, agora, os representantes dos traballadores apuntan que foron 17 os funcionarios investigados.
"Podemos entender que son policías locais os que investigaron, aínda que descoñecemos o procedemento seguido", apuntou o portavoz da xunta de persoal Héctor Santaló que indicou que estes datos constan nun informe remitido polo secretario do Concello.
Os representantes sindicais criticaron os "graves defectos de procedemento" xa que entenden que a tramitación dalgúns expedientes disciplinarios non corresponden ao Concello de Pontevedra senón ao Instituto Nacional de Saúde.
Tamén sinalaron a "persecución do grupo de goberno a certos traballadores". En concreto, comprobaron que neste mandato investigouse a once policías locais. Así, estudarán a posibilidade de denunciar esta situación ante o Defensor do Pobo.
UNIDADE ASISTENCIAL DE DROGODEPENDENCIAS
Por outra banda, expresaron a súa preocupación polos traballadores e polo futuro da Unidade Asistencial de Drogodependencias (UAD), en funcionamento desde 1992 grazas a un convenio entre o Concello de Pontevedra e a Xunta. Piden ao alcalde que negocie coa administración autonómica unha maior dotación económica xa que non se están cubrindo as baixas do persoal que se xubila.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.