E si Carolina tivera razón?

A compostelana Carolina Bescansa, responsable de Análise Política de Podemos, trouxo a polémica coa súa entrevista publicada en El País a finais de decembro. A afirmación “A xente pregúntase se poderá pagar as facturas, non qué é Galicia” coa que o xornal a titulaba non era para menos, e resaltaba, xa que a entrevistada mantíñase cauta en todo momento, na liña de quen sabe que está representando a unha organización no que case todo está por facer e na que falta posición política sobre multitude de temas. A resposta por parte do nacionalismo non se fixo agardar.

Por Emilio Martinez | Vigo | 07/01/2015

Comparte esta noticia
 O BNG encargou a mesma a dous representantes da súa cara amable, a exdiputada europea Ana Miranda e o alcalde de Rianxo Adolfo Muiños, ambos alonxados das teses da esquerda reaccionaria imperantes na organización. É verdade que a afirmación é, si a leemos de forma literal, chocante. Máis para quenes pensamos que un alto nivel de autogoberno é importante para a solución de moitos dos problemas que aqueixan á nosa sociedade... aínda que non sexa o remedio universal a eses problemas. 
 
A afirmación de Carolina Bescansa é chocante porque a mesma, tal e como Ana Miranda e Adolfo Muiños sinalan, pode ser compartida por Mariano Rajoy, e tamén por Alberto Núñez Feijoo, e por unha boa parte dos dirixentes do PSOE e mesmo de IU. Téñennos acostumados a escoitar deles afirmacións do calibre de “o galego non se come…”. E sabemos o que con iso queren afirmar.
 
Pero ademais da súa literalidade tamén é posible interpretar a afirmación da dirixente de Podemos noutro senso. Tal vez o que manifesta o rotundo titular é que existe un alleamento case abismal entre as necesidades das persoas, iso que chamamos pobo, e a forma na que se fai política; distancia entre as decisión socialmente necesarias e as decisións que se toman; distancia entre as prioridades que se fixan por parte das organización partidarias, por parte dos políticos e políticas que as toman… e o que sería realmente necesario.
 
E destes males non se libran nin as organizacións da dereita nin da esquerda. Exemplos temos uns poucos, dito isto con retranca. ¿Cal foi a reflexión sobre as necesidades da sociedade galega que deu sustento á decisión de erguer unha cidade da Cultura en Santiago?. ¿Houbo esa reflexión ou simplemente o desexo de Fraga Iribarne de pasar á Historia por unha obra magna, sen reparar en custes… a pagar por todos e todas…?. Nun asunto máis político: A bufonada da reforma do Estatuto de Autonomía que mantivo en tensión ó goberno de coalición alá polos anos 2006 e 2007, que acabou en nada como era previsible, salvo en desgaste político, ¿Era froito da necesidade imperiosa de escachar co corse do estatuto vixente ou era unha simple imitación dos procesos que se estaban a vivir no País Vasco ou Cataluña?. Inclínome a pensar que o segundo. Non hai que facer a lista máis longa, cada un de nos pode poñer exemplos: dende a toma de decisións na vida interna partidaria, por exemplo cando se escollen cabezas de lista nas eleccións, demasiadas veces pensando nas correlacións internas de forzas e non na idoneidade dos candidatos ou candidatas, ou cando dende posicións de responsabilidade gobernamental, a calquera nivel, se toman decisión co único obxectivo de contentar a camarillas. E así ata chegar ao barco varado nunha rotonda de Abel Caballero.
 
Se esta interpretación que fago é a correcta Carolina Bescansa ten razón. Aínda que nos gustaría outra cousa, a xente non acorda polas mañás pensando na necesidade de maior autogoberno, como non acordaba pensando na necesidade da reforma do Estatuto hai uns anos. Pero demasiadas veces esquecen as organizacións de esquerda, que son as que me importan, de que o mundo é como é e non como a nós nos gustaría que fose. Esa é a realidade que unha organización que quere ser transformadora, non debería esquecer. E esas mesmas forzas que se queren transformadoras deberían de poñer todo o seu empeño, cando toman decisións que afectan á cidadanía e cando fixan prioridades, en discernir se o que propoñen, ou dispoñen, é froito dos seus exclusivos desexos ou da necesidade social.
 
Non facelo así lévanos a abraiarnos do perfecto que temos o noso embigo, algo que este BNG de hoxe fai de xeito case erudito. E con Podemos… xa veremos. Veremos se a organización é capaz de enraizar e medrar. Os comezos fulgurantes non sempre son o punto de partida dun proxecto de éxito.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Emilio Martinez (Ribeira, 1965). Entre os anos 1998 e o 2005 foi presidente da Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento. Na actualidade forma parte do Consello Galego de Cooperación ao Desenvolvemento como experto independente. Licenciado en Ciencias Económicas a súa carreira profesional está ligada, na súa meirande parte, a diversas administracións públicas, como a Universidade de Vigo, na que foi vicexerente de Recursos Humanos, a xerencia da Sociedade Galega para o Desenvolvemento Comarcal, o concello de Lugo ou a Universidade de Santiago de Compostela, na que actualmente é director de área, no ámbito, logo de exercer en distintos períodos como técnico superior de Xestión no ámbito da I+D+I ou vicexerente no campus de Lugo. Ten colaborado en distintas publicacións como “A Nosa Terra”, “Tempo Exterior” ou a “Revista Galega de Emprego”.