Por Europa Press / Redacción | Galicia | 21/02/2023 | Actualizada ás 18:59
A eurodeputada do BNG Ana Miranda aterrou na tarde deste martes no aeroporto de Vigo, horas despois de ser expulsada de Israel cando pretendía entrar a territorio palestino formando parte dunha misión con outros eurodeputados, e advertiu: "Seguiremos defendendo ao pobo palestino, non lles temos medo".
En declaracións á súa chegada, Ana Miranda subliñou que a misión de entrada a territorio palestino, que ía durar catro días, estaba autorizada polo Ministerio de Exteriores de Israel e que "a sorpresa" foi que a tiveron retida máis de 6 horas no aeroporto de Tel-Aviv, esperando, para ao final negarlle a entrada "cun proceso de expulsión inmediata" ás 6,00 horas da mañá.
"Hai que dicilo alto e claro. Israel vulnera os dereitos do pobo palestino, e non quere que vaia ningunha persoa que apoie os Dereitos Humanos" proclamou. A eurodeputada do BNG engadiu que "o máis forte desta afronta" é que Israel cuestionou "unha misión oficial" do Parlamento Europeo, polo que a eurocámara e tamén o Goberno de España deben pedir "responsabilidade" a ese país por esta "afronta diplomática".
REACCIÓNS
Nunha mensaxe en redes sociais, a presidenta do Parlamento Europeo, Roberta Metsola, expresou a súa "decepción" e lamentou o ocorrido con Ana Miranda. Tamén a portavoz de Exteriores da Unión Europea, Nabila Massrali, sinalou que a diplomacia comunitaria lamenta a negativa de Israel a permitir a entrada no país de Miranda, insistindo en que a decisión resulta "profundamente decepcionante".
En España, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, subliñou que o veto a Ana Miranda --que en 2015 xa formou parte da chamada 'Flotilla da liberdade'-- "pon en evidencia a democracia israelí, que tenta evitar que a comunidade internacional coñeza os crimes de lesa humanidade que comete a diario contra o pobo palestino".
A portavoz nacional da formación, Ana Pontón, tamén trasladou o seu apoio á eurodeputada. "Toda a solidariedade con Ana Miranda. Non van impedir que sigamos denunciando a violación de dereitos humanos en Palestina", publicou a líder do BNG na súa conta de Twitter.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.