Ribera asegura que o desenvolvemento de parques eólicos e fotovoltaicos é compatible coa protección ambiental

A vicepresidenta augura que o despregamento renovable permitirá reducir os problemas de contaminación do aire, do chan e o "futuro industrial de Galicia"

Por Europa Press / Redacción | MADRID | 22/02/2023 | Actualizada ás 17:14

Comparte esta noticia

A vicepresidenta terceira do Goberno e ministra para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico, Teresa Ribera, asegurou que a axilidade na tramitación do desenvolvemento de enerxías renovables non está rifada coa protección ambiental debida e que "á menor dúbida", os expertos devolven o expediente administrativo ao procedemento ordinario.

Ribeira respondeu así á pregunta do deputado do BNG Néstor Rego que quería saber se á vicepresidenta parécelle compatible co obxectivo de preservación ambiental e de apoio ao sector primario que as empresas poidan decidir onde instalar parques ou macroparques eólicos sen control, sen necesidade de Declaración de Impacto Ambiental e sen participación cidadá, como establece o Real Decreto-lei 20/2022.

A ministra de Transición Ecolóxica manifestou que o desenvolvemento das renovables ten que basearse en "pequenas instalacións e no autoconsumo", que creceu máis dun 2.000 por cento no últimos catro anos, pero tamén coas plantas eólicas e fotovoltaicas "con todas as garantías ambientais".

Así, asegurou que non se levantou a protección ambiental porque non se tramita "ningún procedemento" se existe antes unha garantía ou permiso previo de acceso para evacuar esa electricidade, o que frea toda esa avalancha de proxectos.

Ademais, garantiu que non poderá desenvolverse este procedemento axilizado se afecta a algún espazo mariño, se son liñas de máis de 15 quilómetros ou liñas aéreas, se afecta a algunha superficie que conte con algunha figura de protección ambiental ou sen que presenten un estudo ambiental con todas as garantías.

"Os expertos na administración son os que deberán de velar por que isto sexa así e á menor dúbida volve ao procedemento ordinario porque máis axilidade non pode estar rifada coa protección ambiental", defendeu a vicepresidenta que augura que o despregamento renovable permitirá reducir os problemas de contaminación do aire, do chan e o "futuro industrial de Galicia", en relación a Alcoa e As Pontes.

Pola súa banda, o deputado nacionalista galego criticou o plan de "neoliberalismo puro e duro" do "autodenominado goberno progresista" porque, ao seu xuízo, está a pór a regulación do sector eléctrico en mans do "luxo e o oligopolio", no canto de en mans do control público dado que a enerxía é un ben "esencial e estratéxico".

Na súa intervención no pleno, anunciou que o BNG presentou unha proposición de lei para recuperar as garantías ambientais e a participación cidadá nos proxectos eólicos, que é "o mínimo que se debe facer".

Nese sentido, criticou que o Executivo optase pola autorización da liberalización ao deixar ás empresas que sexan as que elixan onde instalarse e eliminan a necesidade da declaración de impacto ambiental e a posibilidade de alegacións.

"MÁIS IMPACTO"

"As consecuencias son máis impacto, máis afectación ao patrimonio histórico, ocupación de terras agrícolas e gandeiras, destrución do medio de vida de millóns de persoas, desvalorización de propiedades e todo iso a cambio de nada en reversión para os territorios afectados", advertiu.

Rego denunciou que en Galicia, que sofre un "verdadeiro bum depredador" xa existen casos de proxectos non autorizados pola Xunta que foron modificados para aumentar a potencia e así poder acollerse ao plan de despregamento renovable do Ministerio, que cualificou de "verdadeira barra libre para as empresas".

Un cabalo observa os aeroxeradores do Parque eólico de Tronceda, na Serra do Xistral, na comarca de Terra Cha, a 22 de febreiro de 2022, en Mondoñedo / Carlos Castro - Europa Press. / Europa Press
Un cabalo observa os aeroxeradores do Parque eólico de Tronceda, na Serra do Xistral, na comarca de Terra Cha, a 22 de febreiro de 2022, en Mondoñedo / Carlos Castro - Europa Press. / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Moine

A serra do Guadarrama nom tem nengum parque eólico, e as nossas serras estam inçadas d’eles, e para mais inri transporta-la, logo, a Madrid; cobrando o quilowatt ao mesmo preço em Muras ao pé do Xistral que em Getafe, o que significa que nós, os galeg@s, estamos subvencionando a industralizaçom de Madrid; enquanto para nós tenhem a emigraçom. E ainda há galeg@s que votam aos partidos madrilenhos! Manda cara…!