‘Medrar en galego’, o programa cheo de obradoiros, contos ou música en galego de Allariz

odas as actividades son de acceso libre e gratuíto, agás os obradoiros de crianza, para os que había que inscribirse previamente

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/02/2023 | Actualizada ás 15:58

Comparte esta noticia

Allariz acollerá este sábado, día 25, a xornada Medrar en galego, organizada pola Mesa pola Normalización Lingüística, o Concello de Allariz, a Deputación de Ourense, o Espazo Ben Común e a Confederación de ANPAS galegas. O programa de actividades, que se desenvolverá ao longo de todo o día, incluirá obradoiros para partillar experiencias de éxito e resolución de conflitos, xogos, contos, un concerto de Magín Blanco e unha feira de empresas en galego, que estará aberta todo o día no pavillón do IES de Allariz. Todas as actividades son de acceso libre e gratuíto, agás os obradoiros de crianza, para os que había que inscribirse previamente e que xa teñen todas as prazas cubertas.

Programa 'Medrar en galego' de Allariz - cedida
Programa 'Medrar en galego' de Allariz - cedida

O programa lúdico da xornada Medrar en galego tomará a Casa da Cultura de Allariz dende as 13h, coa contada obradoiro Luuume!, a cargo da Editorial Antela. Despois do xantar, ás 16h, a Escola Infantil Estraloques ofrecerá os obradoiros O teu lapis estraloqueiro e O pequeno monicreque. E ás 18h, Romaniqueando axudará ao público asistente a coñecer o románico cos animais míticos de Galiza. Porá o ramo á xornada o concerto de Magín Blanco Gatuxo, ás 19h, na mesma Casa da Cultura. Todas estas actividades son de acceso libre e gratuíto.

O completo programa de actividades comezará ás 10h30, no Albergue dos Salesianos, co obradoiro O uso do galego e as etapas psicoevolutivas que ofrecerá o pedagogo e coordenador da Escola Semente Santiago Quiroga. Ás 11h15, o pai e educador social Serxio Carreira e o profesor e autor de Lingua e poder na adolescencia Miguel R. Carnota falarán sobre Como enfrontar o problema. E ás 12h15 a nai e avogada María Fernández Guede, a nai e fisioterapeuta Alice Afonso Crespo e a nai e xefa de produción industrial Rute Pallares compartirán as súas Experiencias nos grupos de socialización, en Ourense e Vigo. Todos estes obradoiros requirían inscrición previa e teñen todas as prazas cubertas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta