O PP de Ourense ve certificada pola valedora a "grave irresponsabilidade" de Jácome durante a Cabalgata

A portavoz do PP de Ourense, Flora Moure, censura que Jácome, "obsesionado con facer espectáculo ata nos momentos máis delicados, avergonzase á cidade entón".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/03/2023 | Actualizada ás 19:15

Comparte esta noticia

A portavoz do PP de Ourense, Flora Moure, destacou que a valedora do Pobo, María Dolores Fernández Galiño, certifica a "grave irresponsabilidade" do alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, á hora de organizar a Cabalgada de Reis e situar como rei Baltasar a unha persoa condenada por abuso sexual.

Nun comunicado na xornada na que o PSOE deu a coñecer unha resolución da valedora na que conclúe que o Concello de Ourense debería pedir o certificado de delitos sexuais na Cabalgata, a portavoz do PP local sinala que o alto comisionado galego ratifica o xa exposto no seu día polo Grupo Municipal do PP cunha moción, debatida no pleno do Concello o 12 de xaneiro deste ano e na que se solicitaba a dimisión do alcalde por este feito.

O PP sinala que, a pesar de que a moción saíu adiante coa aprobación do pleno, Jácome "preferiu ridiculizar e facer coma se el non tivese nada que ver con este asunto". "O extremadamente preocupante no caso Baltasar foi a irresponsabilidade política de quen permitiu de forma consciente que unha persoa condenada por este tipo de delitos fose o gran protagonista do evento infantil e familiar máis importante do ano, algo que agora certifica a valedora do Pobo", sostén.

A portavoz do PP local censura que Jácome, "obsesionado con facer espectáculo ata nos momentos máis delicados, avergonzase á cidade entón". Ademais, sinala que agora queda aínda máis de manifesto a súa "irresponsabilidade e neglixente xestión".

A portavoz do grupo municipal popular, Flora Moure- Europa Press - Arquivo
A portavoz do grupo municipal popular, Flora Moure- Europa Press - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta