O PPdeG presume das cifras macroeconómicas de Galicia e mostra a súa "preocupación" polos fondos europeos

O portavoz parlamentario popular manifesta a súa "dor e solidariedade" coas familias do catro novos mortos no accidente de Xove

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/04/2023 | Actualizada ás 18:17

Comparte esta noticia

O portavoz do PPdeG no Parlamento galego, Pedro Puy, reivindicou as cifras macroeconómicas de Galicia publicadas polo Banco de España e o Foro Económico, que lles fan "ser optimistas", pero puxo o foco en que "o que vai marcar o futuro é saber utilizar ben" os fondos de recuperación chegados desde a Unión Europea.

Por isto mesmo, insistiu na necesidade de que o Goberno central "transfira a Galicia" as contías que considera oportunas para xestionalas "directamente co obxectivo de garantir a viabilidade dos proxectos tractores da economía galega".

Nunha rolda de prensa ofrecida este luns desde o Pazo do Hórreo, Puy recoñeceu a "difícil situación" que atravesan as familias pola crise inflacionaria, pero destacou os datos económicos que confirman que a Comunidade galega pechou o 2022 "con menor débeda" que en 2021, tras baixar 1,3 puntos porcentuais o peso da mesma sobre o PIB.

"Estamos nun cociente do 17,2%, conseguindo os niveis de prepandemia, o que nos sitúa 6,7 puntos por baixo da media das comunidades autónomas, e das máis reducidas das comunidades de réxime común", subliñou o portavoz dos populares.

Ademais, Puy mencionou que Galicia foi a autonomía que "menos" aumentou o seu volume de débeda desde 2008. Así, estimou que cada galego debe agora 2.232 euros menos que o conxunto dos españois: 4.447 euros por habitante fronte aos 6.679 de media.

Isto é, precisamente, o que permite "deixar menos lastradas as contas para as xeracións vindeiras e ter máis capacidade de reacción" ante "situacións imprevistas" como a guerra ou a pandemia da covid-19.

Xunto a isto, Puy referiuse ao último informe de conxuntura do Foro Económico de Galicia, que recalca como a Comunidade conseguiu superar o PIB precoronavirus cando o conxunto de España "aínda está nove décimas por baixo" de antes da covid. Non en balde, tamén apuntou ao crecemento da produtividade da economía galega, xa "no 95%" da española debido a "a maior demanda externa".

Neste contexto, o portavoz parlamentario do PPdeG expresou a súa "preocupación" polo "moi baixo" nivel de execución dos fondos europeos de resiliencia por parte do Executivo central: "Dos preto de 41.000 millóns de euros anunciados polo Goberno de España, só convocáronse actuacións por algo máis de 12.800 millóns, dos que ademais só están adxudicados 6.770 millóns, é dicir, o 16,5%".

E lamentou que, mentres Portugal xa anunciou financiamento para a empresa Altri, en España esta compañía non conte cun Perte específico --por falta de "vontade política", dixo, porque si ocorre con outros proxectos noutras comunidades-- para impulsar a planta de fibras téxtiles en Palas de Rei (Lugo).

"DOR" POLO ACCIDENTE DE XOVE

Noutra orde de cousas, Pedro Puy arrincou a rolda de prensa manifestando a súa "dor e solidariedade" coas familias do catro novos que morreron na noite do venres ao sábado nun accidente de tráfico en Xove (Lugo).

"Trasladamos o noso pésame ás súas familias", expresou o dirixente do PPdeG, quen tamén aproveitou para pedir "precaución" a todos os que vaian facer algún desprazamento en Semana Santa.

O portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, en rolda de prensa.. PPDEG
O portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, en rolda de prensa.. PPDEG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta