Cae a compra de vivendas en Galicia no último ano máis dun 11%

Os préstamos hipotecarios para a adquisición de vivenda diminúen nun 27,1% e descende lixeiramente a constitución de sociedades .

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 13/04/2023 | Actualizada ás 09:43

Comparte esta noticia

A compravenda de vivenda en Galicia cae un 11,4% e os prezos nun 5,9% respecto ao ano pasado en febreiro de 2023, con respecto a febreiro de 2022. É unha caída moi próxima á media estatal do 13,1%, segundo os datos do Centro de Información Estatística do Notariado (CIEN).

Carteis de aluguer e venda de vivenda
Carteis de aluguer e venda de vivenda | Fonte: EUROPA PRESS.

En febreiro pasado, contabilizáronse en Galicia 1.754 compravendas. Segundo o tipo de vivenda, 1.245 delas foron pisos e 509, unifamiliares, cun descenso interanual do 11,3% e do 11,7%, respectivamente, no número de operacións. Nun mapa autonómico no que só creceron as compravendas en Asturias (un 1,5%), o descenso das operacións inmobiliarias foi menos acusado en Cantabria (-2,7%), Castela e León (-3,8%) e a Comunidade Valenciana (-5,1%), con caídas máis moderadas que a media en Castela-A Mancha (-9,4%), A Rioxa (-10,7%), País Vasco (-11,2%) e Galicia, e moi por riba da media en Navarra (-29,0%), Baleares (-22,2%), Canarias (-17,7%), Aragón (-17,4%), Andalucía (17,3%), Cataluña (-16,2%), Madrid (-15,1%), Estremadura (-14,7%) e Murcia (-14,4%).

AUMENTO DE PREZOS

Malia o escenario alcista do conxunto do Estado, onde o prezo do m² aumentou en febreiro un 0,3% respecto ao mesmo mes do ano pasado, Galicia foi unha das sete comunidades autónomas onde se abaratou a vivenda, e a terceira que rexistrou un maior descenso, un 5,9%. O custo medio do m² situouse en 964 euros e, por tipo de vivenda, o prezo dos pisos baixou un 7,6%, ata os 1.193 €/m², e o das unifamiliares, un 4,5%: 701 €/m².

En dez autonomías encareceuse a vivenda, con fortes subidas interanuais na Rioxa (29,1%), Castela-A Mancha (13,7%), Cantabria (12,2%), Canarias (11,8%) e Madrid (11,3%). Os ascensos foron máis moderados na Comunidade Valenciana (3,2%), País Vasco (2,6%), Estremadura (1,6%) e Cataluña (1,3%), e só diminuíron os prezos en Aragón (-9,2%), Asturias (-6,7%), Galicia, Navarra (-3,1%), Andalucía (-2,0%), Murcia (-1,9%) e Baleares (-1,4%).

Caída xeneralizada en préstamos para adquisición de vivenda.

Paralelamente, a concesión de préstamos hipotecarios para a adquisición de vivenda en Galicia diminuíu en febreiro un 27,1% interanual, fronte a un descenso medio estatal do 24,4%. Nese mes formalizáronse en Galicia 664 préstamos, cunha contía media un 3% maior que en febreiro do ano pasado: 115.809 €. Pola contra, no conxunto de España o importe medio reduciuse nun 7,1% interanual.

Só o 37,9% das compras de vivendas efectuadas en Galicia financiouse mediante un préstamo hipotecario (o 42,5% en toda España), e a contía do préstamo supuxo de media un 74,8% do prezo, fronte á estatal do 70,8% do prezo.

SOCIEDADES

Os datos do Centro de Información Estatística do Notariado tamén revelan que en febreiro de 2023 a constitución de sociedades reduciuse en Galicia un 0,6%, sendo unha das catro comunidades autónomas con resultados negativos, xunto con Canarias (-8,0%), País Vasco (-7,9%) e Baleares (-1,6%), e a gran distancia do crecemento medio do 9,6% acadado no conxunto do Estado.

Ese mes constituíronse en Galicia 400 novas empresas, que representan o 3,6% das 10.890 novas sociedades creadas no conxunto das comunidades autónomas. A creación de novas sociedades aumentou en 13 delas, destacando as alzas en Navarra (101,5%), Asturias (16,5%), Estremadura (16,3%), Comunidade Valenciana (16,2%) e Castela e León (15,4%). 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta