Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/05/2025 | Actualizada ás 10:25
O Índice de Prezos de Consumo (IPC) subiu oito décimas entre marzo e abril en Galicia, ata situarse no 1,9% interanual (do mesmo xeito que o mes pasado), segundo datos publicados este mércores polo Instituto Nacional de Estatística (INE), recollidos por Europa Press.
Esta cifra supón tres décimas menos que a media do Estado, xa que no total de España os prezos subiron nos últimos 12 meses un 2,2%, moderándose un décima respecto ao dato de marzo polo abaratamento do gas, a luz e as gasolinas. En Galicia, os alimentos e bebidas non alcohólicas subiron un 1,1% respecto de abril de 2024, mentres que as bebidas alcohólicas e o tabaco incrementaron de prezo un 2,4% no mesmo período.
O vestido e o calzado encarecéronse un 2,1%, mentres que a vivenda disparouse un 3,9% e o enxoval, un 0,4%. Os medicamentos (+2,2%), as comunicacións (+2,1%), o lecer e a cultura (+2,3%) e o ensino (+2,6%) tamén sufriron aumentos de prezo, do mesmo xeito que os hoteis, cafés e restaurantes (+4,6%).
Pola súa banda, o único servizo que reduciu o seu custo foi o transporte, que baixou en Galicia un 1,8% nos últimos 12 meses. De media, no que vai de ano os prezos en Galicia incrementáronse un 1,1% respecto de inicios de 2025.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.