Nos labirintos do nada

O nada dise que é, a ausencia e inexistencia de calquera obxecto. Por certo, desde o punto de vista científico e filosófico, o nada, ten mais vida que os gat@s. Falarei unha miaxiña deste concepto.

Por Fermín Paz | As Pontes | 23/02/2015

Comparte esta noticia
É imposible delimitar unha rexión do espazo que non teña algo, xa que os campos gravitatorios non se poden bloquear, e todas as partículas onde a temperatura non sexa o cero absoluto, teñen radiación electromagnética (segundo a terceira lei da termodinámica o cero absoluto é inalcanzable). Cientificamente, pois, o nada, é unha ficción.
 
Os gregos (que xa existían antes da democracia, dos iogures e da Syriza), centraban o debate no problema do ser e para eles,  o nada é a negación do ser. O cristianismo, trouxo a idea dun Dios creando o mundo a partir do nada, o cal supuxo unha nova corrente de especulación filosófica con moita pegada na filosofía moderna. Kant deu categorías o nada en catro clases, mentres Hegel dixo que o ser e o nada son igualmente indeterminados. Heidegger, ocupouse con fondura do problema do nada e afirmou que a existencia humana está intimamente ligada o nada, el mesmo dicía, a cuestión non é por que existe  o nada, senón por que non. E para rematar os existencialistas, con Sartre como bandeira da conciencia do mundo, falaron da imposibilidade lóxica para resolver o problema do nada, porque este, só aparece, cando alguén di tal verba e trata de darlle voltas, como eu, estou a facer. 
 
O contexto do nada sempre é importante para atopar a saída dos seus labirintos. 
 
Dise que, os homes temos moita trastenda e pouca transcendencia. Lembrade cando  miramos fixamente e perdidamente, asentados tras do lume da lareira ou no  salón. Sen pestanexar e aparentemente fora deste mundo, unha simple pregunta da parella ¿en que matinas?,  frea as voltas a calquera falcatruada feita ou por facer. Quen sabe que parte do noso cerebro xestiona a inquisitiva para soltarlle un mecánico “nada, nada...” , e tentar seguir refuxiado nese mundo do intimo (que  non ten porque transcender) , ata que pouco despois, o non ser críbel tal resposta e obrigados pola insistencia, metemos de novo o zoco,  por non darlle certa lóxica o  relato  que imos construíndo. E por arte de maxia, o “ nada” incríbel, abre a súas portas, e da resposta mecánica pasamos nun tris –tras, as profundidades das lagoas do noso subconsciente traidor, o que aínda é peor.  
 
O nada, poida que conteña moito no seu interior. Meu consello, mellor caladiños ou vaiamos por outro camiño nas nosas abstraccións. Por exemplo, no budismo o nada é, o estado baleiro da mente.
 
Non é unha perda de tempo matinar e tratar de desenvolver estas cuestións, polo menos, multiplicarem@s e ampliararem@s os nosos circuítos de neuronas, que para a que esta caendo, non é pouco. 
 
As veces, escoito a moita xente abraiada pola conxuntura política e pola inxustiza social, dicir, que non hai nada que facer, e eu, sosteño,  sempre hai que facer, a nosa obriga é non deixarse levar pola corrente do “nadaismo”. Non sei cando chegarán eses tempos dos bardos das idades para que as nosas vaguidades teñan cumprido fin, pero non vou facer da espera, desesperanza, rendición ou entrega.
 
A miña creatividade non deu para unha cantiga de maldicir e conformei cun canto. Non é mais que un berro liberador que vai adicado, primeiramente, para aquel@s  que se sintan pres@s na gaiola do “nada que facer”, ben por conformismo ou ben, pola escuridade das súas entendedeiras; e logo, para tod@s  nos, @s perdedor@s  de hoxe, na confianza que non será para sempre:
 
Deixade 
 
Deixade de furar
na miseria. ¡Miserables !
 
Deixade a indignidade
na vosa representación. ¡Indign@s !
 
Deixade de falar
palabras ocas. ¡Baleir@s !
 
Deixade de apropiarvos
do de tod@s. ¡Ladróns !
 
Deixade de controlar
as nosas vidas. ¡Espías !
 
Deixade de brincar as
normas e leis. ¡Mentireir@s !
 
Deixade os discursos
baleiros. ¡Ocos !
 
Deixade de incumprir
o que predicades. Vividor@s !
 
Deixádenos
 
Oíde e escoitade, o noso berro liberador:
 
Deixádenos  traballar e vivir dignamente na nosa terra,
 
Deixádenos falar o que queiramos na nosa lingua,
 
Deixádenos camiñar cos nosos pés,
 
Deixádenos ser seres humanos,
 
Deixádenos amar como queiramos, 
 
Deixádenos decidir  libremente  no de tod@s,
 
Deixádenos sentir a nosa patria  cando non é a vosa,
 
Deixádenos en liberdade e sen titorías para construír unha verdadeira democracia 
 
SIMPLESMENTE, DEIXADE, DEIXÁDENOS

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Fermín Paz A miña actividade política e social ven do ano 1970. Militei e tiven responsabilidades en organizacións do nacionalismo galego a nivel local, comarcal e nacional. A nivel Internacional, Secretario Xeral da Unión Internacional de Sindicatos da Enerxía-Química e Petróleo e da Comisión Executiva dos Sindicatos da Enerxía- Química e do Petróleo da rexión Europea-Paises árabes. Secretario Xeral da Asociación Internacional Droit á l´énergie-Sos Futur con sede en Paris e representante da Ong no Consello Económico e Social da ONU. Na actualidade estou xubilado e fago colaboracións en revistas, publicacións e Foros Internacionais de análises política ou sindical.