Concellos galegos ou concellos de Galicia

«O Tejo é mais belo que o rio que corre pela minha aldeia, / Mas o Tejo não é mais belo que o rio que corre pela minha aldeia / Porque o Tejo não é o rio que corre pela minha aldeia». (Alberto Caeiro –Fernando Pessoa–, O guardador de rebanhos)

Por Xosé Antón Jardón | Vilar de Santos | 25/04/2023

Comparte esta noticia
Xa que, en breve, imos renovar as corporacións locais, tal como van as cousas –e observando por onde van os tiros e as propostas– todo parece indicar que, nos vindeiros anos, teremos que seguir chamándolle “concellos de Galicia” ás nosas entidades locais, no canto de poder falarmos de “concellos galegos” porque, por desgraza para nós, a única diferenza xurídica dos nosos 313 cos outros 7.816 do resto do Estado está en que, aos desta esquina do mapa, mesmo algúns que falan español, lle chaman “concellos” e aos outros, “ayuntamientos”. 
 
E iso acontece, e non ten trazas de mudar, porque as organizacións políticas que actúan no noso país, unhas por preguiza e outras por principios, non se esmeran dabondo, á hora de facer valer os elementos e as características que diferencian nitidamente a estrutura territorial, o corpo social, a dimensión económica e, por suposto, a cultura e a lingua de Galicia das do resto do Estado. Os que mandan –e os aspirantes a facelo–posuídos polo deus da abulia, non teñen ansia de espremerlle todo o zume aos artigos 2 e 27 do Estatuto de Autonomía de Galicia, que nos capacitan para ampliar substancialmente as nosas competencias en materia de organización territorial. E, seguramente, á hora de falar, uns e outros, indistintamente do alcance das súas propostas, consideran necesario mudar a actual estrutura político-administrativa-territorial porque, amais de sermos distintos é evidente que as mudanzas dos últimos corenta anos tamén o fan necesario. Conformar un novo mapa galego, onde se debuxe unha planta municipal propia, despois de aprobar unhas Directrices de ordenación do territorio participativas e rigorosas, que recoñeza a nosa realidade, un catálogo de competencias acaídas e unha carta de financiaciamento que cubra os custos dos servizos universais e de calidade que deben prestar os concellos galegos, debería formar parte da axenda dos partidos que actúan nesta parte do mundo, chamada Galicia.
 
[Pregunteille ao meu tío Lisardo se coñecía algunha nova a respecto d aquel plan de Feijóo de fusionar concellos, fundamentado na amizade dos alcaldes colindantes, e respondeume que, fóra dos dous casos coñecidos, sigue vixente a lei, “amiguiños si, pero a vaquiña polo que vale”].
 

Representantes da Xunta e da Fegamp participan na primeira reunión da comisión técnica para avaliar as competencias de cada administración. CONCHI PAZ
Representantes da Xunta e da Fegamp participan na primeira reunión da comisión técnica para avaliar as competencias de cada administración. CONCHI PAZ | Fonte: XUNTA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Antón Jardón Xosé Antón Jardón Dacal (Vilar de Santos, 1952), é Coordinador do Padroado do Museo da Limia. Colabora habitualmente con artigos de opinión e relatos en La Región, Galicia Confidencial, Praza.gal, Temposdixital e BadalNovas. Coautor dos libros A luz da chuvia (2019) e O Lebre das Casarizas, unha vida de máquinas e inventos (2019), ten participado en diversas publicacións colectivas: Limiaxinacións, Evocacións das Terras do Lethes (2009), Miguel, un cura grande en Parada de Outeiro (2009). Secretario-interventor de administración local xubilado, foi alcalde de Vilar de Santos, deputado provincial, vicepresidente da Federación Galega de Municipios e Provincias e Delegado da Consellería de Industria no bipartito.