A chamada da terra

A vida, din algúns, que é unha viaxe continua tratando de atopar paraísos perdidos. Eu, nas viaxes que puiden facer non cheguei a ningún paraíso, tampouco fun tras deles. Logo de dar algunha que outra volta, cheguei a conclusión que a metáfora leva o engano. Todas as terras teñen o seu aquel Os paraísos de existir non se perderon, nin se perderán, temos que construílos xunto a nos, coa nosa xente achegándonos o mais que poidamos a un ideal maioritario e polo tanto colectivo, nun proceso dialéctico e onde as ideoloxías xogan na súa concreción.

Por Fermín Paz | As Pontes | 03/03/2015

Comparte esta noticia
Aínda en tempos dunha globalización con concentración parcelaria para moi pouc@s, dunha revolución tecnolóxica para facerse coa bolsa  desprezando a vida , de soberanía alugada, de estados de malestar, de liberdades espremidas, do choio dos mercados, da paz guerreira,  das fronteiras de tirar e poñer segundo conveña, de farmacéuticas xogando o monopoly coas manciñas, do internacionalismo chauvinista e da democracia a tempo parcial, o cosmopolitismo é refuxio e credo das elites de toda caste, vividor@s de 3,1416 vidas, piratas  con Smartphones de oito núcleos pero sen loro, mercenarios a soldo base, politólog@s apolitic@s e  defensores dunha abstracta  cosmocracia porque xa acreditaron que non chegarán os marcian@s invasores, outra cousa é, que aterrara alguén da estrela Ka51ra5llo, con gañas de muiñada, daquela nacionalistas da  galaxia. 
 
Hoxe, sinto o frío e a humidade desta mañá de inverno, e protéxome dela, cunha chaqueta boliviana.
 
A verdade que é ben abrigosa e  ten moito colorido. Parece que chegou a primavera sobre as miñas costas. A súa cor,  é coma o “xardín do paraíso”. Si algún día achegades a Bolivia lembrádevos da kantuta, a flor nacional cos mesmos cores da bandeira que representa ao País, a terra dos Aymaras e Collas. Imaxínache centos destas flores derramadas sobre min, pois así me vexo hoxe. Foi un agasallo dos amig@s deste país.
 
Nas súas altitudes viven e malviven as súas xentes afeitas a tal situación e os que somos de lonxe,  e nos achegamos por aló, padecemos das esixencias desa terra, aínda que naquela ocasión  unha infección na gorxa agás doutras doenzas coas que convivo, axudaron a unha pequena desfeita na saúde.
 
Da miña derradeira estancia no Altiplano Boliviano, berce das civilizacións antigas, Wankarani, Chiripa e Tiwanaku e outras que viñeron despois, aínda lembro algunhas cousas das que me aconteceron cando me poño esta peza de abrigo: a baixada do aeroporto de La Paz ata a cidade  cunha friaxe  pouco poética; a folla de coca (manciña popular) ofrecida no aloxamento pensando que viña co mal da altura; aquel 1º de maio combativo, e logo, só quería deitarme, veu unha doutora e... Non vou facer desta  escrita un parte medico.
 
Unha vez mais,   logo da presentación  o balbordo da xente, esixía de novo, clarificación,..., nada teño que ver coa chegada dos primeiros españois, nada na miña mente e na miña práctica cos conquistadores Francisco Pizarro e Diego de Almagro, ademais son galego. A miña estadía é dunhas xornadas e a dominación imperialista española tivo unha duración de tres séculos. Talvez, eles, si viñeran tras dun paraíso perdido, pero non para quedarse senon para levar. Seguín a falar a miña maneira da 1ª lei da termodinámica  :  a enerxía nin se crea nin se destrúe só se transforma, hoxe, en dividendos para as empresas eléctricas privadas e privatizadas. E mais adiante, engadín, xamais participarei  en algures con intencións imperialistas, nin agachado detrás de ningunha representación  con intereses espurios ou económicos, veño como amigo, irmán, orgulloso do ser humano, aínda que dalgúns non tanto , disposto á solidariedade e ao respecto pola chamada da terra as xentes de cada territorio nacional. Así rematei o meu falar, lembrando a Vladimir Maiakovsky, “a terra coa que compartiches a friaxe, nunca poderás deixar de amala”.
 
E logo o agasallo da chaqueta, que sempre poño cando teño que facerlle fronte a días como os de hoxe. Que fermoso sentir a chamada da nosa terra que  aínda segue fría, pero é a miña, meu paraíso.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Fermín Paz A miña actividade política e social ven do ano 1970. Militei e tiven responsabilidades en organizacións do nacionalismo galego a nivel local, comarcal e nacional. A nivel Internacional, Secretario Xeral da Unión Internacional de Sindicatos da Enerxía-Química e Petróleo e da Comisión Executiva dos Sindicatos da Enerxía- Química e do Petróleo da rexión Europea-Paises árabes. Secretario Xeral da Asociación Internacional Droit á l´énergie-Sos Futur con sede en Paris e representante da Ong no Consello Económico e Social da ONU. Na actualidade estou xubilado e fago colaboracións en revistas, publicacións e Foros Internacionais de análises política ou sindical.