Por Galicia Confidencial | Compostela | 27/04/2023 | Actualizada ás 22:00
A privatización da sanidade en Galicia é unha realidade e cada día máis. Así o indican ano tras ano os indicadores sobre a situación da saúde, o incremento de seguros médicos e, sobre todo, a deriva de pacientes da pública á privada con diñeiro público. De feito, actualmente, o sector sanitario privado dispón en Galicia de 18 hospitais (o 55% do total dos existentes) e 2.156 camas (22% do total).
Ademais, realiza unha importante actividade asistencial: 26% das intervencións cirúrxicas, 19% das altas e o 20% das urxencias. Así mesmo, conta co 51% dos PET --probas de detección de cancro-- e o 44% das resonancias magnéticas. Por outra banda, actualmente son xa 433.319 as persoas as que contan cun seguro privado, rexistrándose un incremento anual do 2,1% no número de asegurados e do 4% no volume de primas no período 2017-2022.
Unha situación que afecta tamén á sanidade pública xa que a cifra de concertos en Galicia --acordos polos que o Goberno galego lle paga á privada por determinadas probas sanitarias-- é de 217 millóns de euros sobre o gasto público. A pesar de representar menos dun 5%, os concertos públicos van crecendo ano a ano especialmente, na atención especializada. De feito, o 63% deste total corresponde a concertos con institucións deste tipo. Son datos do Informe 'Sanidade privada, achegando valor 2023' que se presentou este xoves en Madrid.
GASTO SANITARIO
A análise global da achega dos datos do Informe mostra que o sector sanitario de titularidade privada representa o 26,7% do gasto sanitario total, o que supón un elevado peso no sector produtivo español. O conxunto do gasto sanitario privado e a colaboración privada-pública (concertos) alcanza os 40.727 millóns de euros en todo o Estado: un 3,64% do PIB.
Desde a patronal da sanidade privada insisten nas vantaxes deste sistema. Aseguran que o aforro para as arcas públicas dos seguros privados sitúanse entre 1.674 euros ao ano (se o paciente usa exclusivamente o sistema privado) e 599 euros (se o cidadán realiza un uso mixto da sanidade, consumindo recursos públicos e privados).
Neste sentido, Marta Villanueva, directora xeral da Fundación IDIS ( Instituto para o Desenvolvemento e Integración da Sanidade) indica que "se se ten en conta o número de asegurados existentes en España, o aforro total xerado ao Sistema Nacional de Saúde sitúase nun rango que vai desde os 6.185 millóns de euros aos 17.283 millóns de euros, en función dun uso mixto ou exclusivo da sanidade pública e privada".
SANIDADE PRIVADA PERO CON MÉDICOS DA PÚBLICA
Precisamente, este é o argumento que máis utiliza o sector privado para atraer máis negocio da sanidade pública. Con todo, a propia patronal da sanidade privada galega (Ahosgal), recoñeceu recentemente que necesita 120 médicos máis para atender os concertos coa pública. De aí que queira atraer a médicos da pública para que compatibilicen.
Unha situación que ten denunciado en varias ocasións SOS Sanidade Pública, e tamén milleiros de galegos nas rúas, que teñen protestado pola progresiva "privatización" da sanidade pública. "Grazas ao políticas desmantelamento do sistema sanitario público e a dobre dedicación público-privada, promovidas polo Partido Popular nas comunidades onde goberna, a sanidade pública perdeu o ano pasado 4.200 traballadores mentres a privada gañou 9.500", denuncia esta entidade.
Igualmente, a entidade alerta de que os seguros privados creceron un 20% no último ano en Galicia, á vez que remarca que a poboación "rexeita maioritariamente a dedicación público-privada".
EQUIPOS
Outra dos fortes dos que tamén presume a sanidade privada e de investigación e equipos médicos de última xeración. Así, IDIS destaca que en 2021 puxéronse en marcha 997 estudos, dos que 4 de cada 10 estiveron dirixidos a algún tipo de cancro e un 5,6% foron ensaios de tratamentos contra a Covid-19. "Tamén estamos en posesión do 48% dos equipos de resonancia magnética, o 43% dos de mamografía ou do 39% dos PET", asegura Marta Villanueva.
A XUNTA PRESUME DE PÚBLICA
E, mentres, a Xunta insiste na confianza e a preferencia da poboación galega pola sanidade pública. Bota man dos datos do derradeiro barómetro sanitario do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS), que sitúan a Galicia como a segunda comunidade na que maior porcentaxe de poboación elixiría á sanidade pública, para ter unha consulta co médico de cabeceira ou pediatría, cun 76,5% fronte o 68,6% media estatal.
“Os galegos confían plenamente no sistema sanitario público de Galicia, sendo a cidadanía de toda España que máis opta pola sanidade pública”, destacaba hai unhas semanas a xerente do Sergas, Estrella López-Pardo, en comisión parlamentaria, lembrando tamén que as porcentaxes de preferencia pola sanidade pública nos seus distintos ámbitos son superiores ás que reflectía o barómetro sanitario en 2008.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.