Así está o sector téxtil galego tras a Covid: máis dependencia de Portugal, Marrocos, Turquia e Asia

Os custos seguen sendo elevados nun sector no que traballan case 10.000 persoas e que en 2020, ano da pandemia, facturou 1.346 millóns.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 30/06/2023 | Actualizada ás 21:55

Comparte esta noticia

Inditex é unha das multinacionais téxtiles máis importantes do mundo, pero a a pesar de ter unha das súas sedes en Galicia, o sector segue tendo grandes problemas de consolidación e crecemento a pesar do peso que tivo na economia galega en décadas pasadas.  De feito,  sector téxtil en Galicia foi un dos máis afectados tras a pandemia da Covid. O valor do importado no 2020 alcanzou os 5.442,68 millóns de euros, catro veces máis que a facturación do sector e a grandes empresas de deseño e comercializadoras case non contan cunha estrutura produtiva en Galicia.

Tenda da marca téxtil Pili Carrera
Tenda da marca téxtil Pili Carrera | Fonte: Ediciones Sibila

Así o pon de relevancia o “Informe sobre os impactos da covid-19 na economía galega”, impulsado polo Consello Económico e Social (CES) e elaborado en colaboración coa Universidada de Santiago de Compostela. Sinala que confección de pezas de vestir en 2020 tivo un peor comportamento que o que se observou no conxunto da industria galega.

Neste sentido, o incremento dos prezos no sector da confección de pezas de vestir non foi tan elevado como no doutros sectores chaves na economía de Galicia. "Como sucede noutros sectores cada vez é menor o número de traballadores cunha mínima cualificación en Galicia nun sector que, en principio, é intensivo en man de obra", recolle o informe.

Tamén a Enquisa estrutural de Empresas (sector industrial) recolle que no sector de confección de pezas de vestir tan só traballaban 7.012 persoas en 2020 (ao que habería que engadir 2.610 persoas que traballan no téxtil de cabeceira) cunha facturación de 1.346 millóns de euros (154,3 millóns no téxtil).

PORTUGAL E ASIA

E como acontecía en décadas pasadas, Portugal segue sendo para Galicia un produtor moi importante aínda que non queda alleo aos problemas de man de obra que se observan en Galicia. O resto dos principais países provedores pódense situar en dous niveis. Por unha banda, estarían Marrocos, Turquía e Túnez e polo outro, o conxunto de países de Asia no que o prezo é o factor competitivo determinante. Nos últimos anos trocou a situación de China.

Tenda de téxtil
Tenda de téxtil | Fonte: Europa Press.

As empresas galegas dominan bastante ben a xestión do problema de aprovisionamento. A relación cos provedores experimentou un cambio radical nos últimos anos e esta situación non se viu alterada coa pandemia. "Hoxe en día a interacción das fábricas é continua. Na estrutura organizativa, a loxística complicouse co comercio en liña e a utilización de varias canles",  apunta o informe do CES.

No comezo da crise sanitaria o sector paralizouse e os establecementos reabríronse con moito medo nos demandantes para acudir a eles. Iso mesturouse cos problemas de loxística. Os gastos disparáronse nun contexto no que os produtos que se compraban fóra escaseaban. "Actualmente, estes custos van baixando, pero xa nunca serán os que eran", destaca o estudo. En tempos, os custos loxísticos foron extraordinariamente baixos. Esta situación favorece a diversificación.

CAMBIOS TRAS A COVID

Xa a finais de 2021 e 2022, a situación volveu á normalidade. Sen embargo, ante as moitas noticias negativas, os clientes volvéronse máis precavidos. Nos últimos anos detectouse unha cooperación moi intensa do sector coas empresas TIC.

O desabastecemento nos tecidos non foi moi acusado tanto en 2020 como en 2021. De feito, nos últimos anos avanzouse moito no deseño dos tecidos técnicos. Ademais, na pandemia intensificouse o problema da sustentabilidade. "Socialmente, cada vez vese peor o usar e tirar. Cada vez a sensibilidade social é maior, aínda que o prezo segue sendo a variable máis relevante na demanda no sector", apuntan desde o CES. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta