Por Galicia Confidencial | Xurés | 01/05/2023 | Actualizada ás 12:00
O Club Parapente Baltar celebrou este domingo no Larouco, unha zona seriamente ameazada polos proxectos macroeólicos, unha xornada de convivencia no arranque da tempada de eventos. O Club Parapente Baltar informou de que segue á espera dunha resposta da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia. O club reclamou en decembro pasado á Secretaría Xeral un posicionamento en defensa do espazo do Larouco como escenario desta práctica deportiva. Isto inclúe campionatos do máximo nivel internacional, e que quedaría invalidada para esta práctica por razóns de seguridade de se instalar os macroproxectos previstos.
A plataforma Stop Eólicos Xurés Celanova, convidada á xornada, aproveitou para informar de que a campaña de crowdfunding Fondo para a Defensa das Montañas da Limia, Xurés e Celanova, que remataba este pasado sábado, cubrira dabondo os obxectivos con máis de 3.500 euros de recadación.
Os fondos destinaranse para un informe biolóxico sobre os proxectos San Martiño, Mistral e Tramontana que afectan precisamente ao Larouco. Ademais, a plataforma denunciou a campaña de medo e desinformación que está a desenvolver desde hai uns meses un suposto representante da empresa Four Winds, a promotora do complexo Mistral-Tramontana.
Stop Eólicos Xurés Celanova recomenda á veciñanza das aldeas do Val do Salas a quen este intermediario lles está a ofrecer contratos de arrendamento, baixo ameaza de expropiación, de terreos afectados pola liña de alta tensión do Xurés que non asinen documento ningún.
O trazado desa liña de alta tensión saíu a exposición pública no verán de 2021, e foi obxecto de alegación por parte da plataforma. A día de hoxe non hai información pública ningunha do estado da tramitación. Mais o enclave do macrocomplexo Mistral-Tramontana cambiou de lugar, polo que a plataforma entende que o proxecto presentado no verán de 2021 sufriu unha modificación substancial e o proceso debe iniciarse desde o principio. A Plataforma sinala que a liña "non só non está aprobada, senón que non se pode aprobar tal e como se presentou".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.