A Xunta critica as medidas do Goberno contra a seca porque "discriminan" aos gandeiros galegos

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/05/2023 | Actualizada ás 13:49

Comparte esta noticia

O conselleiro de Medio Rural, José González, indicou este venres que xa lle trasladou ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación o que cualificou de "discriminación territorial inaceptable que prexudica a Galicia", tras analizar as medidas do Goberno central para paliar a seca e os efectos da invasión rusa de Ucraína --publicas xa no Boletín Oficial do Estado (BOE)--.

Segundo apuntaron, a pesar da "valoración inicial positiva" deste xoves "ao entender que se atendían demandas que viñan sendo reiteradas desde Galicia", o conselleiro rexeitou "de plano" o detalle das medidas "ao confirmarse a discriminación a Galicia".

Concretamente, e respecto dos sectores cárnico e lácteo, o titular de Medio Rural considera "inaceptable" que Galicia "só poida recibir" un 25% dos importes previstos para cada especie e orientación produtiva, "porcentaxe destinada ás comunidades que o Goberno central establece como de afectación moderada pola seca, situación na que tamén se atopan o resto de autonomías da Cornixa cantábrica".

"Esas primas que este xoves se anunciaron aos catro ventos quedarán en menos de 40 euros por vaca nutriz de carne e en 15 euros no caso do vacún de leite", sinalou. No caso da apicultura, explicou, dos cinco millóns previstos para o conxunto do Estado, para Galicia "virán unicamente" 15.000 euros, "outra cantidade considerada insuficiente para a comunidade".

Un gandeiro traballa na leira onde pastan as súas vacas do barrio da Tolda
Un gandeiro traballa na leira onde pastan as súas vacas do barrio da Tolda | Fonte: Carlos Castro - Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta