Científicos galegos demandan que se adopte unha transición "urxente" cara a combustibles sustentables

Nova sesión do 'Ciclo de Conferencias Aida Fernández Ríos', unha actividade gratuíta destinada a espertar o interese do gran público sobre temas de actualidade científica con repercusión social.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/05/2023 | Actualizada ás 15:01

Comparte esta noticia

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Deputación de Pontevedra celebran este xoves, 25 de maio, unha nova sesión do 'Ciclo de Conferencias Aida Fernández Ríos', unha actividade gratuíta destinada a espertar o interese do gran público sobre temas de actualidade científica con repercusión social.

As enerxías renovables e a sustentabilidade serán os temas que protagonizarán esta xornada, na que Jacobo Porteiro, catedrático da área de máquinas e motores térmicos da Escola de Enxeñaría Industrial e investigador do Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais (CINTECX) da Universidade de Vigo, abordará a importancia dos combustibles sustentables de cara a lograr un futuro descarbonizado.

Tal como manifesta o investigador, "un dos principais retos que a sociedade mundial afronta para o seu desenvolvemento é a dispoñibilidade dunha enerxía barata e limpa". Nesta liña, indica que "durante décadas" o desenvolvemento baseouse " fortemente na dispoñibilidade de combustibles fósiles, baratos, con gran densidade de enerxía e de fácil transformación en calor ou traballo".

No entanto, o uso masivo destes combustibles xerou "un grave problema ambiental que se debe afrontar a escala mundial", explica. O científico pon de relevo a "urxencia" de levar a cabo unha transición rápida a unha economía descarbonizada, na que os combustibles fósiles (carbón, petróleo e gas natural) sexan substituídos por outros combustibles libres de emisións de gases de efecto invernadoiro á atmosfera.

Porteiro apunta que existen varios combustibles candidatos a protagonizar esta transición, aínda que "todos eles posúen vantaxes, inconvenientes e incertezas". Entre eles, destaca tres grandes familias: os biocombustibles, os combustibles sintéticos e os vectores do hidróxeno. A este tres familias, o científico engade unha cuarta vía, que sería a do emprego de combustibles fósiles cuxo uso vaia acompañado de tecnoloxías de captura e almacenamento do dióxido de carbono formado.

"Hoxe en día non existe un consenso sobre cal destes combustibles ou solucións debe liderar esta transición e precisamente este debate está a atrasar a toma das urxentes decisións que son necesarias para cumprir cos nosos obxectivos de mitigación do quecemento global", alerta.

Arquivo - O investigador Jacobo Porteiro.. RAGC - Arquivo
Arquivo - O investigador Jacobo Porteiro.. RAGC - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta