A CIG avisa que se non hai un "cambio radical" na patronal, o sector do metal pontevedrés entrará en conflito

O sindicato nacionalista xa convocou unha asemblea e unha manifestación en Vigo o pasado 11 de maio.

Por E.P. | VIGO | 24/05/2023 | Actualizada ás 18:18

Comparte esta noticia

O sindicato CIG alertou este mércores de que o sector do Metal da provincia de Pontevedra está abocado ao "conflito" se non hai un cambio radical" na postura da patronal, coa que se está negociando o convenio colectivo. Así o trasladou o secretario nacional de CIG-Industria, Xoán Xosé Bouzas, en Valga, onde a central trasladou as súas protestas, cunha concentración fronte á sede de Urovesa, empresa do presidente da Asociación de Industrias do Metal e Tecnoloxías Asociadas (Asime).

Este acto enmárcase no calendario de protestas que a CIG está a levar coincidindo coa negociación do convenio. O sindicato celebrará asembleas este venres a partir das 19,30 horas en diferentes puntos da provincia para trasladar aos traballadores a última proposta dos empresarios, que cualifican como "un desprezo e unha provocación". Nesas reunións tamén se abordará a posibilidade de "intensificar as accións de protesta para forzar á patronal a cambiar o fondo e a forma" nas negociacións. Así, denunciaron que as empresas expoñen un convenio "inasumible", cunha subida salarial "irrisoria" e con "recorte de dereitos".

Así, a patronal propuxo subidas de 0,5 % en 2023, 2 %en 2024 e 2 % en 2025; eliminar a limitación de contratos por ETT, ampliar de 6 a 12 meses os contratos de duración determinada por circunstancias de produción, limitar as vacacións en determinados meses do ano, ou eliminar algunhas melloras sociais, entre outras medidas.

A CIG ve esas propostas como unha "burla" e sinalou que a falta de traballadores cualificados, que tanto denuncian as empresas, débese a que "o que queren son escravos". O sindicato advertiu de que non permitirá a perda de dereitos adquiridos, reclama a actualización de salarios segundo o IPC, unha redución de xornada anual e a subrogación do persoal de empresas privadas.

A CIG tamén denunciou que a patronal "utiliza" a mesa de negociación para aprazar o acordo, e así manter os soldos "conxelados" e sen aplicar melloras. O sindicato nacionalista xa convocou unha asemblea e unha manifestación en Vigo o pasado 11 de maio, e este mércores tivo lugar a concentración de Valga.

Concentración de traballadores do Metal convocada pola CIG fronte ás instalacións de Urovesa en Valga (Pontevedra).. CIG
Concentración de traballadores do Metal convocada pola CIG fronte ás instalacións de Urovesa en Valga (Pontevedra).. CIG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta