O cambio climático ataca tamén ao patrimonio monumental

Un estudo da USC analiza en que medida o cambio climático afectará ao biodeterioro dos materiais empregados na construción do patrimonio monumental.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 28/05/2023 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

A investigadora do departamento de Edafoloxía e Química Agrícola da USC, Elsa Fuentes Alonso, estudou en que medida o cambio climático afectará ao biodeterioro dos materiais empregados na construción do patrimonio monumental. O estudo conclúe que o cambio climático podería reducir a biomasa acumulada nos monumentos pero a colonización resistente pode ser máis deteriorante.

Unha tese da USC analiza a deterioración do patrimonio monumental a causa do cambio climático.. USC
Unha tese da USC analiza a deterioración do patrimonio monumental a causa do cambio climático.. USC

O estudo realizado desde a USC describe os biofilms ou biopelículas como ecosistemas microbianos asociados a unha superficie viva ou inerte. Esta cuberta tamén coloniza o patrimonio monumental como unha estratexia de adaptación fronte a condicións ambientais adversas. A investigadora da USC logrou, a partir de datos de campo e de laboratorio, sentar as bases para a caracterización do efecto do cambio climático no deterioro provocado polos organismos formadores de biofilms no patrimonio monumental construído en granito.

DESAFÍO

“Un dos desafíos aos que se expón o patrimonio cultural é o cambio climático, sendo recoñecidos polo menos 125 sitios de especial interese patrimonial como altamente vulnerables”, sinala a investigadora do grupo de Estudos medioambientais aplicados ao patrimonio natural e cultural, na súa tese de doutoramento. “Mentres que o efecto directo que teñen as variacións nos parámetros ambientais que gobernan o cambio climático sobre as infraestruturas e os materiais de construción do patrimonio cultural construído é relativamente coñecido, pouco se sabe do efecto que estes teñen sobre a actividade deteriorante dos biofilms que tapizan as súas paredes”, engade.

Os resultados obtidos contribuíron a mellorar o coñecemento existente sobre os patróns de colonización do patrimonio cultural granítico do noroeste da Península Ibérica. Tamén se coñeceu e entendeu a resposta dos biofilms colonizadores ante cambios ambientais tales como a redución da dispoñibilidade hídrica, o aumento da temperatura e da concentración de CO2, os cambios na radiación UVB, e as súas consecuencias en termos de biodeterioro.

Aínda que nun futuro próximo é esperable que ocorra unha redución da biomasa acumulada sobre o patrimonio cultural granítico exposto, esta dará lugar a unha maior actividade deteriorante ao ser favorecido o desenvolvemento de axentes biolóxicos máis agresivos.

Todo isto foi presentado nunha tese titulada ‘Evaluation of the impact of climate change on the deteriorating activity of phototrophic subaerial biofilm-forming organisms on the monumental heritage’. O documento foi dirixido pola profesora da Facultade de Bioloxía, Beatriz Prieto Lamas. O tribunal estivo composto por Xabier Pontevedra Pombal da USC, Graciela Paz Bermúdez da UVigo e Nuno Mesquita da Universidade de Coimbra.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta