A música cambia a microbiota e a actividade proteica en persoas con autismo e demencia

Así o demostrou o proxecto 'SensoXenoma', que celebrará o seu concerto anual o próximo 3 de outubro en colaboración coa Real Filharmonía de Galicia.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/09/2025 | Actualizada ás 18:23

Comparte esta noticia

O proxecto SensoXenoma, pioneiro a nivel mundial e que arrincou fai tres anos en Santiago, conseguiu demostrar como a música pode modificar a expresión génica, a actividade proteica e a microbiota oral en persoas con trastorno do espectro autista (TEA), Alzheimer e dano cerebral. Esta é unha das conclusións ás que chegou o proxecto tras tres anos de investigación. Os estudos amosan que certos estímulos musicais son capaces de modificar a expresión dos xenes, a actividade das proteínas e mesmo a microbiota oral.

"Entendemos agora que a música non é só un estímulo cultural ou emocional, senón un modulador biolóxico capaz de influír en xenes, proteínas e microorganismos que afectan directamente á saúde e o benestar", afirmou o catedrático da USC, Antonio Salas na presentación dos resultados este martes. A sensoxenómica, como disciplina que estuda o impacto da música na expresión xénica, foi creada como concepto e desenvolvida polos grupos de investigación multidisciplinar GenPoB (Grupo de Xenética de Poboacións en Biomedicina) e GenViP (Grupo de Investigación en Xenética, Vacinas e Enfermidades Infecciosas) da USC e do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS), do que tamén forma parte a Universidade de Santiago de Compostela.

O proxecto está liderado polos catedráticos da USC Antonio Salas Ellacuriaga e Federico Martinón Torres, responsables respectivamente de GenPoB e GenVip, e pola doutora Laura Navarro Ramón, musicóloga e coordinadora de Sensoxenoma. A iniciativa arrincou en 2022 cos Concertos Sensoxenoma, en colaboración coa Real Filharmonía de Galicia e o Auditorio de Galicia, concibidos como experimentos controlados para estudar a relación entre estímulos musicais e bioloxía humana. Durante os primeiros dous anos, os estudos centráronse en persoas sen patoloxías coñecidas e en pacientes con trastornos cognitivos de idade avanzada, como o Alzheimer.

POR PRIMEIRA VEZ ESTÚDANSE PACIENTES CON DANO CEREBRAL

Explican que foron sentando as bases duns estudos que este ano deron un paso máis aló. Por primeira vez, os investigadores analizan pacientes con dano cerebral e TEA, ademais de achegar novos resultados en pacientes con demencia. "Rompemos barreiras técnicas de todo tipo. Desde analizar cantidades mínimas de sangue obtidas cunha simple punción no dedo, ata estudar o transcriptoma completo a partir de mostras de saliva e bágoas. Ademais, logramos medir simultaneamente a expresión de máis de 30.000 moléculas, miles de proteínas e por primeira vez tamén na historia, a microbiota oral en pacientes con alzhéimer e TEA a partir de mostras mínimas recollidas en contextos loxísticos moi complexos", explica Antonio Salas.

Así, en pacientes con TEA, a música modula xenes implicados no desenvolvemento neurolóxico, a regulación inmune e a función mitocondrial, mentres que na enfermidade de Alzheimer, os cambios na microbiota oral suxiren que a música podería influír en mecanismos relacionados coa neuroinflamación e a progresión da enfermidade. Estes resultados alíñanse coa hipótese emerxente en neurociencia de que infeccións e desequilibrios microbianos poderían ser un factor causante de certas demencias. Ademais, abre "enormes" posibilidades terapéuticas. "A detección de alteracións na microbiota de pacientes tras o estímulo musical resulta especialmente interesante, xa que hoxe exponse que a orixe de certas enfermidades neurodexenerativas podería vincularse a infeccións orais", profunda Salas, engadindo que se abre a posibilidade de explorar o seu potencial na identificación de biomarcadores.

PRÓXIMO CONCERTO

O concerto deste ano celebrarase o 3 de outubro, co que se cumprirá a cuarta edición deste proxecto. O concerto, que acollerá novamente o Auditorio de Galicia, terá dúas partes musicais de 30 minutos e recolleranse mostras de doantes voluntarios antes, despois e no descanso do concerto para poder comparar os resultados de dous impulsos musicais contrastantes. O repertorio será secreto, como no resto de edicións, e cada parte do concerto estará asociada de novo a dúas emocións distintas, o que permitirá estudar o efecto de diversos estímulos musicais na bioloxía humana.

Sons no cerebro
Sons no cerebro | Fonte: CONWAY LAB, NIH - Arquivo

Recolleranse mostras de sangue (punción capilar nun dedo), de saliva (frotis bucal), e mostras lagrimales de persoas maiores de 18 anos, e usaranse sensores inalámbricos grazas á renovación da colaboración académica coa Escola de Psicoloxía da Universidade do Minho. A través dos sensores que levarán os doantes nas súas mans durante o concerto poderase monitorar a actividade electrodérmica, o ritmo cardíaco e a presión sanguínea, un evento histórico xamais realizado. Nesta edición, recolleranse mostras de persoas con enfermidades neurodexenerativas, trastorno do espectro autista e dano cerebral, grazas á colaboración de distintas asociacións de pacientes, como Dano cerebral Santiago de Compostela, AMES Miastenia, ASPANAES e a Asociación Española de Paraparesia Espástica Familiar.

Ademais, por primeira vez usaranse mochilas vibratorias en participantes da Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG) co obxectivo de facer a experiencia musical máis inclusiva e versátil. As inscricións para participar como doante realizaranse directamente a través da páxina web oficial do proxecto. As persoas doantes formarán parte dunha investigación, así que deberán asinar un consentimento informado. Tamén haberá entradas a disposición do público xeral á venda por un prezo de 5 euros na Zona C e na web de Compostela Cultura.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta