Por Europa Press / Redacción | VIGO | 28/05/2023 | Actualizada ás 23:25
O actual alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, poderá manterse no cargo co apoio do PSdeG-PSOE, despois de conseguir nove concelleiros nas eleccións municipais deste domingo, o que supón dous edís menos que en 2019. Un pequeno correctivo para un alcalde que tiña como obxectivo manterse no poder "outros oito ou dez anos".
Cun 100% dos votos escrutados, o Partido Popular (PP) foi a forza máis votada na cidade, conseguindo 11 representantes, dous máis que fai catro anos. Os socialistas tamén melloraron resultados, con cinco edís, un máis. Desta maneira, Fernández Lores poderá seguir como rexedor de Pontevedra co apoio do PSOE.
De confirmarse o pacto, sería a sétima ocasión que o nacionalista sería investido rexedor de Pontevedra, desde que en 1999 comezou a gobernar na cidade, tamén co apoio do PSOE. Na súa comparecencia tras coñecerse os resultados, Lores asegurou que entende que os pontevedreses queren que siga gobernando a cidade, tras 24 anos no poder. Con todo, tamén deduce que "lle envían un recado" porque "queren que o faga moito mellor".
"Que estean tranquilos os cidadáns, que lles vou a facer caso á súa recomendación e tentarei facelo cada vez mellor", sentenciou, tras agradecer o apoio nas urnas. En Pontevedra elixíronse este domingo 28 de maio 27 concelleiros, de forma que a maioría absoluta está en 14 edís.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.