AGE 2023.0... así foi morrendo o "espazo do cambio" en Galicia

Anova non apoia oficialmente a Sumar ou Podemos e chama a "concentrar o voto antifascista". Tampouco Marea Atlántica apoiará "aos que dividiron o espazo do cambio" na Coruña. Compostela Aberta tamén anunciou a súa "neutralidade" de cara ao 23X.

Por Xurxo Salgado | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/06/2023 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

"Ollo con Pablo Iglesias e con Yolanda --Díaz-- que van fulminar o cambio en Galiza". Hai case oito anos un veterano dirixente político, logo metido na órbita de En Marea, vaticinaba, tomando unha caña nun bar de Santiago, o que ía pasar co cambio que Alternativa Galega de Esquerdas (AGE) supuxo para a política galega. E, nin máis, nin menos. Nin que fora adiviño. Hoxe, AGE e En Marea son lembranzas pasadas e o que quedan son migallas políticas, mareas locais, dun gran espazo do cambio que un día quixo cambiar o tripartidismo que hai en Galicia e morreu afogada na división da división da división.

Yolanda Díaz, Xosé Manuel Beiras e Pablo Iglesias
Yolanda Díaz, Xosé Manuel Beiras e Pablo Iglesias | Fonte: . EUROPA PRESS - Arquivo

Este veterano político non foi o único que o dixo. Antes del, xente moi cercana a Beiras, tiña claro que as maneiras de facer dalquel asesor político que trouxo Yolanda Díaz de Madrid na campaña de AGE apuntaban moi lonxe. E tanto. Pablo Iglesias aprendeu en Galicia o que logo puxo en marcha en Madrid aproveitando o descontento do 15M. E puido facer que Podemos, que foi antes slogan político, acabara en partido político.

E, mentres Pablo Iglesias facía e desfacía en Madrid, AGE foi rachando en anaquiños para tentar atopar outra nova ferramenta, En Marea, que tiña moito de ilusión pero pouco de proxección política. Novamente, a multitude de siglas e as cobizas políticas dalgúns dos seus dirixentes afuciñaron un proxecto que estaba chamado a ser "o proxecto do cambio galego"... ou iso parecía.

E YOLANDA DÍAZ ACABA EN MADRID

En Marea derivou en mareas e os líderes iniciais do cambio en Galicia, con Beiras á cabeza, deixaron que Podemos e Esquerda Unida foran facendose coa marca e co espazo orixinal do cambio en Galicia que acabou con Yolanda Díaz en Madrid nunha nova coalición, "Galicia en Común". O ascenso fulminante de Yolanda Díaz non colleu por sorpresa a ninguén. "Aprendeu de Pablo Iglesias", din. E tanto que aprendeu. Hoxe, a política que comezou na política local de Ferrol comeulle o espazo político ao mesmísimo fundador de Podemos, como antes llelo comera ao Beiras.

Abalo, Noriega, Beiras e Yolanda Díez celebran os resultados electorais de AGE
Abalo, Noriega, Beiras e Yolanda Díez celebran os resultados electorais de AGE

"Yolanda Díaz utilizou En Marea para facer a súa carreira en Madrid", sentenciou Beiras nunha entrevista en setembro de 2022 en La Voz de Galicia, ese medio que el mesmo dixo que afundiu ás mareas locais en 2019. "Está facendo as cousas ben --no goberno--... Eu non tiven unha boa relación con ela na etapa final de AGE. Foi desleal comigo, pero iso non me impide recoñecer as cousas. Non son sectario", espetaba sobre o seu traballo como ministra.

Uns meses despois, xa neste 2023, Alexandra Fernández, que entre 2015 e 2019 foi deputada no Congreso por En Marea dentro da cuota de Anova, e que logo se pasou ao BNG, era tamén moi directa ao falar da actual vicepresidenta segunda do Goberno, coa cal compartiu siglas políticas. "O proxecto que se lanza pode parecer novo na M-30 ou na zona de Madrid periferia, pero en Galicia xa sabemos o que hai", dicía de Sumar, a nova plataforma impulsada por Yolanda Díaz.

Unha movemento político que é o enésimo intento de cambiarlle o envoltorio a algo que é o mesmo que en Galicia xa se coñece desde hai once anos. E, quizais por iso, porque aquí xa se coñece tan ben en multitude de fórmulas, os principais herdeiros dese espazo do cambio prefiren manterse á marxe dese novo AGE 2023.0.

ANOVA

Anova, a formación cofundada polo histórico nacionalista Xosé Manuel Beiras e que actualmente lidera Martiño Noriega, chamaba este luns a "concentrar o voto antifascista" nas eleccións xerais do próximo 23 de xullo, nas que a formación nacionalista non concorrerá nin apoiará de forma expresa o novo partido de Yolanda Díaz. Un 'voto antifascista" que algúns poden pensar que o representa Sumar ou Podemos e outros o BNG e mesmo o PSOE. 

"Non é un momento para as equidistancias, os cálculos electorais ou as vitorias de parte que esconden unha posible derrota de todas. Estamos para evitar un goberno do PP e de VOX que instale ao noso país nunha 'longa noite de pedra'", afirmou o portavoz nacional de Anova, Martiño Noriega sen apuntar se eses "cálculos electorais" era dirixido a alguén en concreto.

COMPOSTELA ABERTA E MAREA ATLÁNTICA

Anova non é o único que lle dá as costas de xeito oficial a Yolanda Díaz. Hai uns días, a portavoz municipal de Compostela Aberta, María Rozas, defendía a "diversidade" da formación á que representa e desvinculouna do proceso electoral das xerais. E iso, a pesar de que a ex edil e integrante das listas de CA neste 28M, Marta Lois, será a nova presidenta de Sumar. "Compostela Aberta é unha reforza de ámbito municipalista e local, que pode ter diferentes simpatías e correntes, como é a de Marta Lois co espazo Sumar. Pero nós estamos centrados en Santiago, ese é o noso obxectivo", sentenciaba.

Unha opinión moi semellante á que se respira na Marea Atlántica, especialmente, tras o duro golpe que supuxo quedar fóra do goberno local da Coruña, en parte, pola división propiciada desde o entorno de Sumar e Podemos con outra lista, Por Coruña. Aínda que os órganos oficias deste partido non se pronunciaron, fontes consultadas aseguran que Marea Altántica non apoiará tampouco a Sumar o 25X nin participará en actos políticos relacionados con este espazo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Gamela

E que teña coidado o Bloque co abrazo do oso que lle está a dar o PSdG de Carmela Silva & David Regades porque máis cedo que tarde verán a verdadeira cara do "progresismo de salón" que agochan os modelos da Marquesa de Toralla (mentras Ana Pontón soña co seu Palacio de Monte Pío) Nada do que vemos é tanxible, nada ten os pés na Terra, todo ideoloxía e soños de verán... Lástima carecer de políticos comprometidos, non temos ningún á vista !

1 Gamela

Certamente o caso Coruña é paradigmático do que sucederá a nivel estatal co Movemento Sumar e Podemos https://www.lavozdegalicia.es/elecc... Restará votos a calquera que se presente como alternativa a Yolanda (no fondo Izquierda Unida por máis que Alberto Garzón non se presente para poder colocar mellor aos cadros de Izquierda Unida (Eva Solla & Rubén Pérez) con total impunidade) Por moito co Beiras dixera que Yolanda fixo as cousas ben (a reforma laboral saíu por un voto erróneo dun do PP e a suba do salario mínimo era inevitable coa inflación disparada) o carácter de Vedette de Yolanda é síntoma do que se agocha tras a propaganda: un Goberno Sánchez 2.0 con Yolanda Suma, sería un pesadelo semellante ao matrimonio Rosario Murillo & Daniel Ortega, do que, por certo, ninguén fala nesta esquerda de salón, pasarela e falcon... https://twitter.com/00Memoria/statu...