A Artesanía de Galicia chega a Corea do Sur

Tres mulleres galegas representarán a marca nun evento de artesanía

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/06/2023 | Actualizada ás 11:32

Comparte esta noticia

A cestera Idoia Costa, a ceramista Marta Armada e a artesá especializada en escultura téxtil Mercedes Vicente, que forman parte de marca Artesanía de Galicia, participarán na décimo terceira edición da Cheongju Craft Biennale, que se celebrará en Corea do Sur do 1 de setembro ao 15 de outubro, como parte da colección de artesanía española, impulsada por EOI Fundesarte e na que participan outros 28 artesáns.

Segundo explicou a Xunta, a Bienal de Artesanía de Cheongju comezou no ano 1999 como a primeira bienal de artesanía do mundo e hoxe en día está consolidada como un importante evento de artesanía contemporánea, un encontro que atrae a máis de 300.000 visitantes e que permitirá coñecer preto de 3.000 creadores de 60 países diferentes.

Na edición deste ano, España será o país convidado de honra e contará cun espazo expositivo de 730 m2, no que se mostrará a colección 'Soul Matter', comisariada por Rubén Torres. Trátase dunha selección de máis de 150 pezas de 31 artesáns de todo o país, entre os que se atopan o tres representantes de Artesanía de Galicia.

PARTICIPANTES

A cestera Idoia Costa (Outeiro de Rei, Lugo), Premio Artesanía de Galicia 2022 pola súa peza Abisal, que precisamente é a imaxe da colección española que participará na bienal, é unha referencia da artesanía contemporánea en España a través da actualización das técnicas da cestaría e a súa aplicación a diferentes materiais como as fibras téxtiles, o coiro ou a tanza de pesca. Colaboradora desde o ano 2012 da firma Loewe, Idoia Costa enfoca a súa actividade cara a unha cestaría máis artística e menos funcional. Marcas como Zara Home, Adolfo Domínguez ou Laa Meniña Home contaron con ela para intervir con montaxes de cestaría as súas tendas.

Así mesmo, a ceramista Marta Armada (Vigo), Premio Artesanía de Galicia 2014 co seu colar 'Sen lastre', está especializada na xoiaría cerámica e conta cunha dilatada carreira na que combina creación artística e oficio artesanal. Armada foi artista residente en Taiwan e galardoada co Premio Recomendación na Taiwan Ceramic Biennale 2020 e cunha Mención Honorable na 10th International Ceramics Competition Mino 2017, en Xapón.

Pola súa banda, Mercedes Vicente (Brión) está especializada na creación de esculturas a partir de tiras de tecido. Despois de traballar noutros ámbitos como a pintura ou a escultura, desenvolve a súa propia metodoloxía para achegarse ao téxtil desde o volume e crear as espirais que a caracterizan. Foi precisamente cunha delas, Scalaria Bifurca, coa que resultou finalista do Loewe Craft Prize 2018, a segunda edición deste certame internacional que recoñece a excelencia e a innovación na artesanía contemporánea. Foi a única española entre os finalistas e a súa peza participou na exposición colectiva organizada polo Loewe Craft Prize no Design Museum de Londres.

Profesionais de Artesanía de Galicia participan na Cheongju Craft Biennale, en Corea do Sur.. XUNTA
Profesionais de Artesanía de Galicia participan na Cheongju Craft Biennale, en Corea do Sur.. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta