Avogados da quenda de oficio reclaman salarios "dignos": "As retribucións que percibimos son de risa"

Solicitan á Xunta que "respecten" o seu papel e "dignifiquen" as bonificacións.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/06/2023 | Actualizada ás 14:45

Comparte esta noticia

Avogados da quenda de oficio concentráronse este venres ante os xulgados de Santiago, A Coruña, Lugo, Pontevedra, Vigo e Ourense para reclamar melloras nas súas pensións e uns salarios "dignos".

"As retribucións que percibimos son de risa, son decimonónicas", explicou, na concentración de Compostela, Xullo Benito, representante do colectivo, que precisou que os avogados da quenda de oficio "non cobran polas gardas" e non perciben remuneración "por un 40% das actuacións xudiciais" que realizan. "E as que cobramos, é de maneira absolutamente ridícula", engadiu.

Como exemplo dixo que un xuízo verbal, que comporta unha importante carga de traballo, págase "a 160 euros" e que "moitas veces" non chegan a percibir o diñeiro das execucións. "Non temos ningún dereito social, a pesar de que traballamos para a administración", contou a Europa Press.

A competencia desta retribución, destacan, corresponde á Xunta de Galicia, á que solicitan que "respecten" o seu papel e "dignifiquen" as bonificacións. "A xustiza gratuíta facémola nós, non a paga a administración", apunta Xullo Benito, que lembra que se trata de traballadores "de alta cualificación" con "os mellores cocientes de calidade de toda Europa" pero os "peor pagados" da UE. "Merecemos cobrar dignamente", apostilou.

Por outra banda, o colectivo tamén reclama melloras no seu sistema de pensións. "Hai compañeiros con 40 anos de cotización que se están atopando con que van recibir unha pensión de 180 euros ou de 300 euros, moi por baixo das non cotributivas", apunta Benito, "un auténtico escándalo".

"DEREITOS FUNDAMENTAIS"

En Ferrol, os avogados concentrados reclamaron tamén que se permita "traspasar os fondos á Seguridade Social para poder ter e acceder ao período cotizado e ter unhas pensións dignas, con melloras da fiscalidade", detallou unha das portavoces, Ana Rosa Pena. "Cando chegamos á xubilación e recibimos o noso fondo, xa que nos aplican unha fiscalidade igual que se fósemos un fondo de pensións do 47%", engadiu.

Outro dos avogados nesta concentración, Santiago Martínez detallou que o que reclaman "son os dereitos fundamentais de calquera traballador" a salarios "dignos" e pensións acordes coa súa función.

No caso de Ferrol son uns 180 os avogados adscritos a esta quenda, que "prestación obrigatoria, cunhas listas voluntarias para cubrir este servizo". Os letrados reclamaron "páguense todas e cada unha das actuacións que se fan, porque moitas delas non están contempladas e non se pagan", así como que "se actualice a nivel europeo a retribución".

Protesta dos avogados da quenda de oficio diante dos Xulgados de Santiago.
Protesta dos avogados da quenda de oficio diante dos Xulgados de Santiago. | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta