Por José Barros Blanco | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/06/2023 | Actualizada ás 22:00
O pasado 13 de xuño anunciou que non concorrería nas listas de Sumar ás eleccións xerais deste 23 de xullo. Tal e como trasladou, considera que é o momento de que outras persoas dean un paso adiante (Marta Lois, Verónica Barbero...). Porén, e tendo en conta que é un dos rostros visibles máis próximos a Yolanda Díaz nos últimos anos, como xurdiu ese proceso de reflexión para decidir que era o momento de dar “un paso a un lado”?
Levo bastantes anos vinculado aos movementos sociais deste país e penso que hai que asumir con total naturalidade que en cada momento un pode ser útil desde diferentes posicións. En primeiro lugar tiven unha reflexión máis en clave persoal, ata que punto era importante a achega que puidesen facer outras compañeiras nun contexto de eleccións xerais no que, máis alá de integrar a Podemos Galicia e a Esquerda Unida no proxecto, temos que ensanchar a nosa base. Tanto no caso de Marta Lois, con experiencia municipalista, que esperta amplos consensos no feminismo e que ten experiencia no ámbito académico e político; como no caso de Verónica Barbero, que sintetiza outras das claves do que representa a candidatura de Sumar en Galicia, cunha ampla bagaxe e experiencia no Ministerio de Traballo, participando no desenvolvemento da reforma laboral e doutros reais decretos que saíron desde a carteira ministerial.
Esta renovación que representa Sumar non quere dicir que eu me vaia para casa nin que outros compañeiros de Podemos como Borja San Ramón ou Verónica Hermida non vaian entrar nas listas, pero agora precisamos un elemento revulsivo. Estamos enmarcados na plataforma Sumar, que ten unha vocación de continuidade, que vai máis alá destas eleccións, por exemplo co desenvolvemento de Sumar Galicia para ser clave nas vindeiras eleccións galegas. Agora vanme tocar outras tarefas, relacionadas coa campaña electoral tanto en Galicia como no resto do Estado, e despois onde poida ser necesario alí estarei. Isto non é unha despedida e tampouco é a primeira nin a última vez que un cadro político con experiencia entende que o momento político require cambiar algo. O obxectivo é ensanchar a base social.
Quere isto dicir que a súa aparición en próximas listas electorais está descartada? Existe algún opción de que o nome de Antón Gómez-Reino apareza na papeleta de Sumar Galicia de cara ás eleccións galegas que en principio decorrerán en 2024?
Antón Gómez-Reino vai facer política sempre, tal e como fixen todos estes anos, desde diferentes ámbitos. Evidentemente, estarei a disposición do que sexa preciso e do que requira a militancia, tanto de Podemos como de Sumar Galicia. Pero agora mesmo o importante é axudar e colaborar para, en primeiro lugar, parar a Alberto Núñez Feijóo e á Vox, a extrema dereita; e a que o proxecto Sumar consiga que por primeira vez no Estado español unha muller estea en disposición de ocupar a presidencia desde o progresismo. A partir do 24 de xullo, estarei a disposición de Yolanda Díaz, de Podemos, do proxecto de Sumar e de Sumar Galicia.
Atópanse agora mesmo no proceso de negociación e elaboración das listas. Que valoración fai polo de agora das listas que Sumar presentará en Galicia? Segundo as enquisas, a coalición só pelexa por entrar cun posto nas circunscricións da Coruña e Pontevedra, polo que a entrada de Podemos Galicia no Congreso semella difícil.
Son unhas listas que se darán a coñecer nos vindeiros días e que poñen enriba da mesa a cuestión da renovación, a chegada de novas caras cunha visión feminina e feminista moi necesaria polo momento a nivel político no que nos atopamos. Ademais, imos ter unhas listas nas que non só están presentes as formacións políticas que integramos a coalición, senón que Sumar Galicia está ampliando a súa base, con incorporacións desde diferentes ámbitos que van significar o comezo do proceso non só para que Yolanda Díaz sexa a próxima presidenta española, senón para que Sumar xogue un papel fundamental tanto nas vindeiras eleccións galegas como nas europeas.
Nos seus case dez anos de historia, Podemos pasou de case sorpassar ao PSOE e formar parte do primeiro goberno de coalición da historia democrática de España a vivir agora unha difícil situación. Desde Podemos adoita sinalarse ao linchamento mediático e xudicial exercido contra a formación mais, cales cre que son os erros propios que levaron ao partido a estar onde está agora mesmo? No caso de Galicia, as eleccións municipais supuxeron un resultado negativo para a formación, tanto nos concellos nos que aínda concorría en confluencia coas Mareas como naqueles nos que ambos os espazos ían por separado.
Penso que a política é cíclica. Na actualidade atopámonos nun contexto de forte ofensiva da dereita e da extrema dereita a nivel social, cultural e mediático no que é necesario repensar como queremos responder politicamente. Dalgunha forma agora estamos nese cambio de ciclo, e penso que, a pesar de conseguir que o Estado español se convertese nun referente económico a nivel europeo, estamos nunha situación complicada. A partir de aí, hai que darlle unha volta á situación a través de dous mandatos. O primeiro é o da unidade, porque a cidadanía progresista esíxenos que cheguemos a máis acordos. O segundo mandato, é o da amplitude de ir máis alá dos límites do espazo político agora mesmo. E iso é todo o que sintetizan Yolanda Díaz e Sumar, ao que engaden tamén a experiencia de goberno coa que contan e a importancia dos activos de Sumar na maioría das grandes reformas dos últimos anos no Estado.
Que opina da imaxe que están a trasladar Podemos e Sumar no proceso de negociación para que Podemos entrase na coalición e para a confección das listas nas distintas circunscricións provinciais? É positivo para o espazo á esquerda do PSOE que se traslade á cidadanía esa imaxe de confrontamento?
Sempre dixen que as cuestións orgánicas deben ser debatidas no seo das organizacións. En segundo lugar, os debates que que se deron arredor da confluencia e da elaboración das listas están absolutamente pechados despois do Consello Nacional de Podemos deste sábado. É importante poñer o foco nunha cuestión: as enquisas falan dun empate técnico entre os bloques da esquerda e da dereita, polo que segue habendo opcións para frear ao PP e a Vox e reeditar un goberno de coalición, neste caso con Yolanda Díaz de presidenta. Neste sentido, o despegue de Sumar é fundamental para conseguir iso, e sobre iso é sobre o que temos que traballar, a partir dun programa de proxecto que reúne a experiencia de goberno destes catro anos.
Desde Podemos criticouse a imposición de “vetos” a determinados integrantes da formación, como é o caso da ministra de Igualdade, Irene Montero, ou a súa número 2 no ministerio, Ángela Rodríguez. Non é unha contradición falar da unidade da esquerda cando na mesma oración está incluída a palabra “veto”?
Repito, as cuestións orgánicas débense decidir e falar dentro dos partidos. Por outra parte, tanto Pedro Sánchez como Alberto Núñez Feijóo mudaron a meirande parte dos nomes das súas listas ao Congreso e ninguén fala diso. Polo tanto, o que hai que poñer enriba da mesa agora non son as cuestións internas, senón que a partir das eleccións xerais vai haber si ou si un goberno de coalición. Pode ser con Santiago Abascal como ministro do Interior e con Iván Espinosa de los Monteros á fronte de Asuntos Exteriores, ou pode ser un goberno progresista, que siga a vangarda de Europa en materia laboral, económica e social.
Nos últimos meses fixéronse moi sonadas unhas declaracións de Pablo Iglesias nas que se refería a vostede como “un cú que necesita ocupar un escano”. Pensa que este tipo de declaracións do ex dirixente de Podemos, sumadas a outras moitas expresadas ao longo destas semanas, poden dinamitar o proceso de conformación dun bloque unido á esquerda do PSOE?
Penso que tanto na esquerda como na dereita todos os procesos orgánicos xeran debates. Vimos dun proceso o ano pasado no que a ‘execución’ pública de Pablo Casado rematou coa chegada de Alberto Núñez Feijóo á dirección do PP estatal. Afortunadamente, no noso espazo político nunca se pasa da discusión e do debate. Isto non deixa de ser unha cuestión interna e aí é onde debemos tratalas. Onde debemos traballar e onde eu estou enfocado é en trasladar o noso proxecto e en atender as necesidades da cidadanía galega e do conxunto do Estado. O resto son cuestións para quen as queira desenvolver.
Esta semana colleron moito voo mediático unhas declaracións nas que Xosé Manuel Beiras chama a concentrar o voto de cara ás eleccións xerais no nacionalismo galego antes que na esquerda española. Como valora esas declaracións de quen, xunto con Yolanda Díaz, vostede mesmo e outros, axudou a construír o espazo de AGE e posteriormente de En Marea?
Respecto e sempre escoito todas as análises de Xosé Manuel Beiras. Agradezo que poña en valor, máis alá desa chamada ao voto, que é fundamental que o espazo político representado por Sumar acerte, porque como el mesmo di, somos a clave para parar a extrema dereita e para seguir aplicando políticas públicas realmente transformadoras. Máis alá de que o nacionalismo galego está reconstruíndo a súa casa común, estou convencido de que o proxecto político de Sumar está preparado para construír en Galicia a casa común de toda a esquerda transformadora.
Coas enquisas na man e poñéndose no escenario o máis realista posible, que resultado nas eleccións xerais do vindeiro 23 de xullo podería considerarse un éxito para Sumar?
O primeiro éxito pasa por pararlle os pés a Alberto Núñez Feijóo e a Vox. O segundo éxito pasa por consolidar un goberno con políticas públicas transformadoras que sexan referentes, non só aquí senón que tamén no conxunto europeo. O que cómpre deixar claro é que esta non é unha alianza electoral conxuntural. Trátase dun proxecto político de longo percorrido, encabezado por Yolanda Díaz e cun proxecto de país para os próximos dez anos. Sumar aspira que Yolanda poida ser presidenta do goberno, e non me cabe dúbida de que imos obter un resultado magnífico e que, se non é agora, en moi poucos anos converterase na primeira presidenta do Estado español.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.