Un avogado das familias do accidente de Angrois di que Cortabitarte "si defraudou a norma"

Familiares das vítimas acudirán a RTVE para que se emita o documental 'Frankenstein 04155'.A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, cualificou de "doloroso" retirar as acusacións ao exalto cargo de ADIF.

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 22/06/2023 | Actualizada ás 15:22

Comparte esta noticia

Un avogado que representa a vítimas do accidente do tren Alvia ocorrido en Angrois  en xullo de 2013 afirmou este xoves no xuízo que o ex director de seguridade do administrador de infraestruturas ferroviarias (Adif), Andrés Cortabitarte, ao seu xuízo "si defraudou a norma".

Destacouno a modo de resposta, en parte, á exposición do informe do fiscal do caso, Mario Piñeiro, quen esta semana revelou a súa marcha atrás ao decidir non acusar ao ex alto cargo, de modo que os 80 homicidios e 145 delitos de lesións por imprudencia profesional grave só atribúellos ao maquinista, Francisco Garzón.

Precisamente este xoves, nunha nova sesión do xuízo, que avanza na súa fase final, o letrado Francisco José Losada replicou ao representante do Ministerio Público que ao seu parecer Adif "si defraudou á norma" en materia de seguridade, pola análise de risco que debía facer da liña entre Ourense e Santiago.

"Que é o que pasou? O que pasou é que os maquinistas circularon sen apoio de 'ERTMS' --o sistema de seguridade que implica freado automático-- e co mesmo desconectado desde xuño de 2012 --na súa modalidade embarcada--, sen ningunha protección nin ningunha barreira", advertiu este xoves o letrado Losada, correspondente ao grupo 1, de 90 que forman parte da causa.

A partir da semana que vén, martes, mércores e xoves seguirá habendo sesións nas que os letrados de todos estes grupos de vítimas exporán os seus informes, ata chegar ao mércores 19 de xullo, que tocará a quenda ao representante legal do outro maquinista que viaxaba no tren Alvia aquel día.

O día despois, o xoves 20, exporán os seus informes Avogacía do Estado, en representación de Adif, e o avogado de Renfe. Xa pasado o décimo aniversario da traxedia (o 24 de xullo), intervirán os letrados das aseguradoras, Allianz e QBE, respectivamente, o 26 de xullo. A finalización do xuízo está prevista para o xoves 27 de xullo, cando os informes que escoitará a sala serán os dos letrados das defensas de Garzón e Cortabitarte, que terán dereito á última palabra.

ENTREGA DE FIRMAS

Neste escenario, este venres, unha representación da plataforma vítimas acudirá ata os estudos de RTVE en Prado del Rey para entregar as firmas que solicitaron para que a televisión pública emita o documental 'Frankenstein 04155'.

A plataforma foi contundente tras escoitar a intervención do fiscal este mércores e ironizou con que "seguramente unha chamada corporativa do seu xefe foi a causa directa" do seu cambio de postura.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, xunto a candidatos nacionalistas nas eleccións do 23J, e outros cargos locais da formación, ante a sede do Círculo de Empresarios de Galicia, en Vigo.
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, xunto a candidatos nacionalistas nas eleccións do 23J, e outros cargos locais da formación, ante a sede do Círculo de Empresarios de Galicia, en Vigo. | Fonte: Europa Press

ANA PONTÓN

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, cualificou como "dolorosa e decepcionante" a posición do Fiscal no xuízo polo accidente do Alvia, tras retirar a acusación contra o ex alto cargo de Adif, Andrés Cortabitarte, e criticou que, desde o ministerio público, estea "a actuarse para tentar eludir as responsabilidades".

En declaracións aos medios antes de participar en almuerzco coloquio no Círculo de Empresarios de Galicia, Ana Pontón afirmou que o Fiscal tenta "eludir as responsabilidade que, evidentemente ten o Estado, nun accidente destas características".

"Sobre todo creo que é decepcionante para as vítimas, que loitaron moito, que sufriron moito e ven de novo unha gran óperación de Estado para tentar eludir todas as súas responsabilidades nun accidente de semellante magnitude", proclamou, e animou a "seguir pelexando para que se faga Xustiza".

Ademais, advertiu de que "se non se recoñecen ben os erros", non se poderá "evitar que un accidente destas características volva producirse". "Compartimos a decepción das vítimas e cremos que é unha mala noticia para a Xustiza", resolveu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta