O PPdeG presume dos 48.000 euros destinados ao colectivo LGTBI

Tomban unha proposta do PSdeG sobre a lei LGTBI galega para non comprometerse con máis fondos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/06/2023 | Actualizada ás 12:42

Comparte esta noticia

O 'non' do Grupo Popular, que ostenta a maioría absoluta, tombou este mércores no Parlamento galego unha iniciativa do PSdeG, apoiada polo BNG, que pedía á Xunta desenvolver a lei autonómica de non discriminación ao colectivo LGTBI do 2014 e máis fondos para as asociacións que traballan con el.

O PPdeG propuxera unha emenda, que non foi aceptada, para cambiar a parte resolutiva da proposición non de lei (PNL) dos socialistas por outro texto que falase de "seguir" traballando nesta lei e no Observatorio Galego contra a Discriminación, pero que non contemplaba un aumento das contías ás entidades LGTBI.

Durante o debate desenvolvido na tarde do mércores, a deputada do PSdeG Noelia Otero recriminou aos populares que deixasen "en papel mollado" a norma de 2014 e os seus compromisos na materia, á vez que criticou os seus pactos con Vox en comunidades e concellos, que supoñen "un paso atrás" ao rexeitar colocar a bandeira arcoiris nas institucións.

Desde o PP, a deputada Marta Rodríguez-Vispo defendeu o traballo realizado pola Xunta ao amparo do Observatorio contra a Discriminación e replicou que a LGTBIfobia "non ten nada que ver cos gobernos", senón con "persoas intolerantes".

Ademais, a popular destacou os 48.000 euros que a Xunta achega este 2023 a entidades LGTBI, "máis do dobre" con respecto ao 2022. Unha contía da que logo Noelia Otero (PSdeG) apuntou a súa escaseza: "Presumir da cifra dá para pensar".

Imaxe de arquivo dunha bandeira arcoíris
Imaxe de arquivo dunha bandeira arcoíris | Fonte: Alejandro Martínez Vélez - Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta