A oposición abstense na nova lei do litoral do PP: "Hai máis ruído que solucións"

A oposición considera que o PPdeG só quere sacar "réditos electorais".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 04/07/2023 | Actualizada ás 12:05

Comparte esta noticia

O Parlamento de Galicia aprobou a nova lei do litoral, que contempla a asunción por parte da Xunta das competencias en xestión do espazo marítimo terrestre, definidas no Estatuto de Autonomía e que o Goberno galego quere empezar a exercer unha vez reciba os medios, tanto persoais como económicos, para facelo de mans da Administración do Estado.

Os votos do grupo maioritario, o PPdeG, bastaron para que o texto elaborado pola Xunta e "consensuado" con "concellos, sector pesqueiro e mar-industria e universidades" --segundo defendeu o portavoz popular, Alberto Pazos Couñago-- saíse adiante no pleno ordinario que este martes arrincou no Pazo do Hórreo.

A lei obtivo luz verde sen votos en contra, xa que os grupos da oposición, BNG e PSdeG, optaron pola abstención entre críticas aos populares pola forma de tramitala, na que ven "présas" para conseguir a súa aprobación antes do fin do período de sesións co fin de sacar "réditos electorais" coa vista posta nas xerais do 23 de xullo.

Os nacionalistas, a través da deputada Alexandra Fernández, cualificaron de "oportunidade perdida" a reformulación normativa, que consideran que achega "máis ruído que solucións" pola súa "indefinición" en asuntos importantes para a asunción das competencias. Pola súa banda, os socialistas, que primeiro anunciaron que apoiarían a lei para despois rectificar e avanzar a súa abstención, lamentaron a forma de tramitar o texto polo grupo maioritario.

Votación do Parlamento de Galicia
Votación do Parlamento de Galicia | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta