Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 05/07/2023 | Actualizada ás 12:42
O clima electoral impregnou o último careo do curso político entre os portavoces da oposición, a nacionalista Ana Pontón e a socialista Luís Álvarez, e o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, quen se comprometeu a ser "moi reivindicativo" co Goberno central se chega á Moncloa o líder do seu partido e predecesor no cargo, Alberto Núñez Feijóo.
O debate celebrado este mércores, a menos de 48 horas do arranque da campaña para as eleccións xerais do próximo 23 de xullo, estivo marcado polas mensaxes de campaña, dende as apelacións a "terminar co sanchismo" do presidente galego ás críticas de Pontón e Álvarez ao PP polas súas relacións con Vox.
Así, Pontón tachou a Rueda de "manso e sumiso a Madrid" por "non ser capaz nin de pedir a Feijóo" explicacións por un incremento patrimonial "de 800.000 euros en tres anos" ou por que "non presentou unha sóla iniciativa sobre Galicia" como senador autonómico, mentres que o portavoz do PSdeG advertiu que o "verán azul" que auguran como lema de campaña dos populares "está cheo de antucas e toldos verdes" que "irradian todo o malo" da ultradereita.
"Aquí non hai verde, por moito que lles pese", respondeu a esta última afirmación o presidente galego, que, máis tarde na súa quenda contra Pontón, espetou que "se os socialistas teñen ganas" de que Vox estea presente en Galicia -onde unicamente conta cun edil nun municipio de Ourense como representante institucional-, os nacionalistas "teñen necesidade".
"METER A VOX NO DEBATE POLÍTICO"
E é que Rueda volveu a subliñar que a ausencia de Vox a nivel institucional en Galicia débese a que existe un PP "centrado e amplo", á vez que afirmou que BNG e PSdeG queren "meter con calzador" ao partido de Santiago Abascal no debate político autonómico "para ver se así poden crecer".
Despois de que Luís Álvarez puxese o foco en que cuestións como o veto a unha película de animación nun concello cántabro gobernado por PP e Vox debido a unha escena dunha parella de mulleres, segundo o socialista, anticipan o que podería significar un executivo de coalición no Estado con Feijóo e Abascal; Rueda replicou que o PP "non ten ningunha dúbida sobre a igualdade".
Durante o seu careo, Pontón e Rueda cruzaron reproches sobre a súa "submisión a Madrid". A primeira cualificou á Xunta de ser "un goberno atado" ao que marquen "desde a rúa Xénova" e contar cun presidente que exerce de "delegado electoral" do seu líder de filas, unhas acusacións que Rueda rebateu pondo o foco na "suimsión ao centralismo" do BNG por "apontoar" ao PSOE na Moncloa "a cambio de nada".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.