Por Moncho Mariño | Santiago | 09/07/2023 | Actualizada ás 22:00
A hostalaría pide man de obra, a ser posible formada, para dar un bo servizo á clientela. Houbo épocas en que traballar neste sector era unha das últimas solucións laborais dadas as longas xornadas, os salarios escasos e en moitas ocasións, pagados en “negro”. Tamén era unha saída laboral durante o verán para mozos e mozas que buscaban unha fonte de ingresos para o resto do ano. Mais logo da COVID e tamén dos cambios lexislativos en materia laboral, a inflación económica que levou ao aumento de prezos ou ao peche de locais, os e as empresarias do sector falan quéixanse da falta de traballadores e estes, quéixanse da falta de seguridade salarial con contratacións indefinidas mais a media xornada o a tempo parcial. Tamén está a calidade de vida dos e das traballadoras pois a conciliación familiar era practicamente incompatible co traballo na hostalaría.
O EMPRESARIADO
A Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) recoñece a falta de profesionais no sector hostaleiro. Unha análise realizada pola propia CEG apuntaba tres motivos detrás deste fenómeno: clientes máis esixentes nas súas saídas, tamén usan máis os sistemas dixitais e isto leva aos locais a profesionalizar o persoal e mellorar o seu uso das novas tecnoloxías. “Desde o inicio da pandemia, máis de 70.000 persoas abandonaron a profesión e sitúase nun 4'3% menos de traballadores, segundo datos da Seguridade Social”. Á parte está que é o único sector que presenta tanta diferenza con respecto ao ano 2020. “Segundo os últimos datos do Instituto Nacional de Estatística (INE), ao finalizar o cuarto trimestre de 2021 había en España 109.085 vacantes sen cubrir, das que 95.556 pertencen ao sector servizos; 7.223, á industria; e 6.307, á construción”.
A Asociación Hostelería Compostela (AHC) sinala que “a cuestión sobre o persoal ten moitas aristas, aínda así buscamos perfís máis profesionalizados á parte de seguir formando xente para postos máis especializados” di Thor Rodríguez, presidente da AHC. “Non falamos só de preparación nos traballadores e traballadoras, falamos de falta de condicións como transporte público que os leve aos lugares de traballo, falta de vivenda asequible porque moita xente non queda ante os alugueres esaxerados”.
“Os salarios non chegan, aínda con esas tampouco os doutros sectores son máis altos. Durante a pandemia moitas persoas migraron a outros sectores profesionais” di Lois Lopes, presidente da Asociaciación Empresarial de Restauración, Aloxamentos e Turismo de Compostela e Comarcas hostalaria.gal. Detrás da migración estaba a conciliación, os horarios de traballo e tamén que algúns sectores pagaban máis que a restauración e hostalaría en xeral. “Non temos suficiente man de obra especializada punto este ligado á formación específica, aínda así, podes ter parte do persoal formándose en áreas específicas no teu local”. Isto último poderíao asumir o empresario até certo punto, destaca Lopes, pois non todo o persoal fixo podería estar formando aos novos que entran.
REPRESENTANTES DE TRABALLADORES
“Falta man de obra porque a hostalaría deste país vive nun estado de inflación cunha cantidade de negocios hostaleiros que non se corresponde coa realidade do país” di Iago Barros da CIG. A realidade até hai poucos anos era que “calquera podía abrir un bar”, por chiso non eran poucos os que arriscaban abrindo un bar ou unha cafetaría “porque parecía doado”. “Dentro deste sector superinflacionado en Galicia é imposible ter man de obra para todos os negocios, só o 30% dos que abren sobreviven 20 anos”. A isto hai que sumarlle segundo Barros, a estacionalidade no sector. “En áreas como A Coruña, o persoal que traballa todo o ano está entre o 30 e o 35%, o persoal estrutura, o resto é persoal temporal”.
“Non podemos contradicir que falta man de obra, emporiso tampouco serve a idea de que 'hai dous millóns e pico de desempregados' e poden entrar na hostalaría, non, iso non serve” di José Mirás de CCOO. “Quen diga iso dá por feito que calquera é válido para traballar en hostalaría e non é así”. E aínda que existen centros de formación, as empresas hostaleiras “non son moi proclives a dar formación, á parte, as novas xeracións ven a hostalaría como algo temporal”. Por outra parte “sabemos que se fan contratos a tempo parcial ou fixos discontinuos” con salarios moi baixos.
Alén disto último, tamén está o pequeno ou pequena empresaria que abre un local porque “cre que é doado poñer cafés, viños ou unhas tapas”, mais no momento da verdade “cando un traballador se queixa de que non lle dan festivos que lle corresponden e contactamos co propietario, a maioría das veces din que todo iso o leva a xestoría” di Mirás.
Foi este sector dos pequenos empresarios o que sentiu máis a falta de persoal. “Estes pequenos locais comezaron a sentir a perda de persoal cando caeron na conta que montar un local supoñía facer quendas e que o persoal supón unha parte importante dos gastos” sinala Marcos Rodríguez de UGT. “A xente comezou a pensar na conciliación familiar, nas quendas e nos salarios” para ver se realmente compensaban as horas pasadas nos establecementos onde traballaban. “Aí foi cando a maioría comezou a valorar máis a conciliación que o salarios, pois quen gaña entre 1.200 e 1.300 euros a fin de mes é unha persoa afortunada”. Isto por que? “pola cantidade de contratos a media xornada, a tempo parcial e que logo poden ser transformados en fixos discontinuos”. Cousa que leva a uns salarios de 600 a 700€.
SOLUCIÓNS?
“Debemos recoñecer a existencia de ofertas de emprego no sector que son indecentes e obra dalgúns crápulas, ofertas logo aireadas nas RRSS, e desde Hostalaría de Compostela engadimos que ese tipo de ofertas son competencia desleal” apunta Thor Rodríguez. “O convenio da hostalaría na provincia da Coruña sempre estivo por encima do Salario Mínimo Interprofesional (SMI), así que podemos andar sobre os 1.200 ou 1.300 euros”.
O Boletín Oficial da Provincia da Coruña publicaba o 22 de decembro de 2022 a “Resolución de inscrición e publicación do convenio colectivo da hostalería da provincia da Coruña”. Dentro desta resolución aparecía o cadro coas porcentaxes de suba:
“Os incrementos salariais de este convenio durante a súa vixencia serán os seguintes:
• Para o ano 2022: incremento do 4%.
• Para o ano 2023: incremento do 3.75%.
• Para o ano 2024: incremento do 4%.
Se o IPC acumulado dos anos 2022, 2023 e 2024 supera o 11.75% se actualizaran as taboas co 50% da diferencia do 11,75% e o IPC acumulado, con efectos automaticos a partir do 1 de xaneiro de 2025”.
Visto este cadro de salarios, o empresariado lembra que agora mesmo está afrontando o aumento de prezos sobre todo en produtos frescos para restauración. Isto implica unha suba nos prezos de cara a clientela.
A posibilidade das contratacións como fixos discontinuos mediante medias xornadas e outras modalidades, fai pensar nunha “temporalidade encuberta” nalgúns casos. “A temporalidade é ilegal e aínda así, a Seguridade Social rexistra estes contratos” di Iago Barros. O epígrafe estaría en contratación a media xornada.
Desde a Xunta de Galicia, concretamente da Secretaría Xeral da Emigración, mediante o “Plan Retorna”, fontes sindicais consultadas indican que se trouxo persoal de países latinoamericanos para o seu emprego en hostalaría: “co agradecemento do presidente da patronal coruñesa”. Estas persoas, en principio, retornarían aos seus países de orixe cando rematen os seus contratos.
A resposta xeral desde os empresarios é a mellora na profesionalización e ofrecer postos de traballo que respondan ás demandas tanto dos e das traballadoras como do cliente. Pola súa banda, as forzas sindicais piden, ademais de melloras salariais, melloras na conciliación, en horarios e contratación, mais sobre todo, mellorar a conciliación de cara a unha boa calidade de vida.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.