O conxunto arquitectónico de Barcia de Mera será declarado BIC e este verán realizaranse 40 actuacións arqueolóxicas

Este programa conta cun orzamento de 850.000 euros, cos que se financiarán actuacións en circuítos megalíticos, petróglifos, campamentos romanos, mámoas, castros ou pecios.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/07/2023 | Actualizada ás 20:21

Comparte esta noticia

A Xunta actuará este verán en 40 xacementos arqueolóxicos do catro provincias galegas para mellorar a súa conservación, profundar no seu estudo e reforzar a divulgación destes espazos.

O programa aprobado no Consello da Xunta deste xoves conta cun orzamento de 850.000 euros, cos que se financiarán actuacións en circuítos megalíticos, petróglifos, campamentos romanos, mámoas, castros ou pecios.

En concreto, como concretou en rolda de prensa o vicepresidente primeiro da Xunta, Diego Calvo, actuarase en seis espazos da provincia da Coruña, entre eles, o Dolmen de Pedra Cuberta de Vimianzo (A Coruña) ou o campamento de Ciadella en Sobrado dos Monxes, onde se inaugurará un espazo expositivo complementario para as visitas guiadas.

Lugo será a provincia con máis intervencións cunhas 15, entre as que destacan a campaña subacuática no pecio San Giacomo de Ribadeo, a continuación dos traballos que se desenvolven en Cova Eirós (Triacastela), ou o xacemento romano de Proendos (Sober).

Pola súa banda, en Ourense haberá unha decena de actuacións como a da área arqueolóxica de Maus de Salas, en Muíños, mentres que en Pontevedra o plan contempla actividades en Adro Vello (O Grove) ou Castro de Pereiras (Mos).

BARCIA DE MERA

Ademais, o Consello deste xoves deu luz verde á declaración como Ben de Interese Cultural (BIC) do conxunto arquitectónico de San Martiño de Barcia de Mera, no municipio pontevedrés de Covelo.

Considerado como unha das melloras mostras do barroco galego e, en especial, da arquitectura da Diocese de Tui dos séculos XVI e XVII, este conxunto tamén destaca pola calidade da súa cantaría de granito.

Unha vez obtido o informe favorable da Real Academia de Belas Artes, a Universidade de Vigo e do Consello da Cultura Galega, a Xunta dá este paso formal, ao que seguirá a redacción do proxecto para a definición dos usos, tras o cal, o concello de Covelo poderá acometer a rehabilitación do inmoble.

A declaración como BIC abarca, ademais da igrexa parroquial, a casa reitoral, espazos anexos e bens inmobles, segundo especificou a Administración autonómica.

Conxunto de Barcia de Mera
Conxunto de Barcia de Mera | Fonte: Turismo de Galicia

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta