Outro 'María Moliner' por fomentar a lectura na Biblioteca de Verín

A súa iniciativa "Voluntariado cultural con rapaces/as para o fomento da lectura" vén de ser premiado con 2.772,22 euros para mercar libros e publicacións. O premio está financiado polo Ministerio de Cultura e Deporte.

Por Galicia Confidencial | Verín | 13/07/2023 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

O concurso, convocado polo Ministerio de Cultura e Deporte e a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) ten por obxectivo premiar a aquelas bibliotecas municipais que leven a cabo un proxecto único que inclúa as accións de animación á lectura, a eficiencia e labor bibliotecaria, a integración social na comunidade, así como o uso das novas tecnoloxías.

Contacontos e manualidades na Biblioteca Municipal de Verín. Foto: Prensa Concello de Verín.
Contacontos e manualidades na Biblioteca Municipal de Verín. Foto: Prensa Concello de Verín.

O Concello de Verín leva anos colocándose entre os primeiros postos do Premio Nacional María Moliner. Nesta ocasión, a Biblioteca Pública Municipal de Verín podería ter acadado unha vez máis o galardón especial ás dez mellores, mais as bases exclúen as bibliotecas que gañaron dito premio hai menos de 5 anos.

A concelleira de Cultura, Samanta Barreira, quixo expresar a súa gratitude e satisfacción por este recoñecemento, suliñando que "sen dúbida, este é o resultado do compromiso e a paixón demostrada polo equipo de profesionais da biblioteca no seu labor diario". Tamén lembrou que estar cada ano optando a estes recoñecementos "evidencia o compromiso da Bliblioteca e do concello coa promoción da lectura e a calidade dos servizos bibliotecarios".

Na campaña de 2023 presentáronse un total de 557 proxectos, dos que foron seleccionados un total de 370. A comisión de selección destacou do "Proxecto de Voluntariado Cultural con rapaces/zas para o fomento á lectura" da Biblioteca de Verín: a claridade e interese do proxecto para a animación lectora, a boa planificación, viabilidade, orixinalidade e innovación e as actividades de integración social que contén a proposta.

UN PROXECTO CONSOLIDADO

O "Proxecto de Voluntariado Cultural con rapaces/zas para o fomento á lectura" está consolidado tras catorce anos transcorridos dende os seus comezos. A iniciativa converteu á biblioteca nun referente cultural na localidade, realizando un gran número de actividades variadas e de calidade grazas á colaboración de mozos/as voluntarios/as.

Destaca, ademais, pola súa relación transfronteiriza levando as actividades da biblioteca a aldeas próximas de Portugal e polas súas actividades interxeracionais e con colectivos en risco de exclusión social. 

Ao longo destes anos poden presumir de ter realizado máis de 650 actividades de fomento á lectura: multitude de conferencias, presentacións de libros, exposicións, concursos e un servizo estrela do verán que é a Biblio-Piscina e Biblio-Rúa, servizos tamén atendidos polos voluntarios/as da Biblioteca.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta