O PP de Santiago lamenta a Alba de Compostela do BNG: "Non pode cambiar a historia da cidade"

Borja Verea confía en que Goretti Sanmatin "recapacite".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/07/2023 | Actualizada ás 13:12

Comparte esta noticia

O portavoz do grupo municipal do PP de Santiago, Borja Verea, lamentou o "veña e dálle" da alcaldesa compostelá, Goretti Sanmartín, co acto de Alba de Compostela, unha cita institucional que a rexedora nacionalista impulsa con vontade de que perdure desde este 25 de xullo na xornada na que se cumpren 75 anos do discurso Alba de Gloria de Castelao.

En declaracións aos medios despois de que a alcaldesa dixese que este acto se vai a manter e que deu información á oposición (PP e PSOE criticaron este acto), Borja Verea cualificou este acto de "ocorrencia do BNG" e emprazou á rexedora a que se faga "consenso e seguindo as canles institucionais, tendo en conta a opinión de 17 dos 25 concelleiros da corporación que lle están dicindo "que as cousas non van así".

Tras lembrar que os títulos e as condecoracións "teñen a súa propia normativa", o líder dos populares santiagueses insistiu en apelar a Goretti Sanmartín a que "recapacite" e que "non faga este acto sen ter o consenso de todos".

"Imos empezar de cero", instou o tamén deputado autonómico, quen advertiu de que "non pode cambiar toda a historia da cidade que ten 40 anos", apelando a que "non houbo nin unha condecoración nin un só premio" na capital que "non se dese co consenso de todos" e "moito menos un acto destas dimensións que afectan tanto á sensibilidade e ao corazón dos composteláns". En todo caso, mostrouse "convencido" de que a alcaldesa "se vai a asesorar e recapacitar" e que "non vai seguir en contra de toda a corporación" municipal.

O portavoz do PP de Santiago, Borja Verea, en declaracións aos medios este mércores en Santiago de Compostela
O portavoz do PP de Santiago, Borja Verea, en declaracións aos medios este mércores en Santiago de Compostela | Fonte: Europa Press

FIN Á DISCUSIÓN

A portavoz do goberno local de Santiago de Compostela e segunda tenente de alcaldesa, Míriam Louzao, deu por resolta a discusión sobre celebrar o 25 de xullo un acto institucional propio do Concello, que se denominará Alba de Compostela, e indicou que se darán a coñecer os detalles a semana que vén.

Sobre as críticas dos grupos da oposición --PP, que o tachou de 'aquelarre nacionalista' e PSOE, que insistiu en que a rexedora ten que ir á misa--, a dirixente nacionalista remitiuse ás palabras da alcaldesa, Goretti Sanmartín, nas que dixo que o acto se ía a manter e convidaba a PP e PSOE a participar.

Louzao indicou que este acto foi comunicado na xunta de portavoces, porque "é un acto da corporación", e tamén se lles comentou as persoas que propuñan homenaxear e convidóuselles a facer propostas.

"Vimos unha boa predisposición", sinalou Louzao, quen considerou que non se lle pode dar máis "voltas". Desta maneira, confirmou que a semana que vén daranse máis actos e diranse os nomes dos homenaxeados e deu por suposto que a corporación asistirá, porque "non hai ningún motivo para que non o fagan".

"NON DÁ MÁIS DE SI"

A concelleira nacionalista indicou que hai que "avanzar e o goberno o que ten é que gobernar e tomar decisións". Por iso, consideran que "foi correcto" transmitilo á xunta de portavoces e resolveu que esta cuestión "non dá máis de si".

"Nós estamos a traballar no acto, a xunta de portavoces ten a información e non hai ningunha crítica respecto diso do acto. A única crítica é o día, pero é no día de Santiago e tomando como referencia á Alba de Gloria, non ten sentido facelo outro día", sentenciou.

Doutra banda, tamén indicou que seguen avanzando no protocolo de boas prácticas turísticas, falando co sector e asociacións, e esperan poder presentalo tamén a próxima semana aos implicados e publicamente.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta