Por Galicia Confidencial | Compostela | 16/04/2015 | Actualizada ás 08:00
A TVG continúa coa externalización dos seus servizos a pesar de ser un medio público. Por iso, acaba de destinar 65.000 euros para que sexa unha empresa allea a que se encargue de recibir, mover e atender as necesidades do público e dos invitados nalgúns dos seus programas.
Para iso acaba de convocar un concurso de “servizos de apoio loxístico de función de azafata/o para determinados eventos” nos que pide “persoal preciso con categoría e cualificación suficientes” para a realización destas actividades.
Tal e como xa recolleu noutras normativas internas que causaron unha gran polémica e que foron denunciadas polo Comité de Empresa, a TVG insiste en que estes azafat@s deberán traballar cunha “adecuada imaxe corporativa” e de “eficacia na execución do mesmo”. Por iso, suliña, “requerirase do persoal unha pulcritude extrema na súa apariencia”, ademais dun “trato correcto e individualizado” ás persoas coas que deba desenvolver o seu cometido.
Ademais, a TVG esixe que este persoal estea dotado de uniformes completos de inverno e de verán “que se renovarán coa periodicidade necesaria” para que “o seu aspecto estea sempre nas mellores condicións”.
O ente público indica, a “título orientativo” que o persoal habitual para realizar estas labores son entre 1 e 8 e que se concentran, na actualidade, especialmente nos venres, que é cando se emite o Luar. “De xeito extraordinario, nun reducido número de datas ao ano pode incrementarse ata 13/15 efectivos. As datas estimativas serían: un día en febreiro, un ou dous días en xullo e un ou dous días en decembro”, sinala.
Por outra banda, a TVG insiste no prego do concurso que o contrato resultante non vinculará laboralmente aos traballadores co ente público. De feito, repite en varias cláusulas esta cuestión debido, precisamente, as numerosas denuncias que está perdendo nos tribunais de traballadores que desempeñaron nos últimos anos tarefas para esta televisión contratados por produtoras alleas.
“Todo o persoal da empresa adxudicataria destinado á execución dos servizos dependerá exclusivamente desta que terá todos os dereitos e obrigas que lle son inherentes na súa calidade de patrón. TVG, S.A., non terá vinculación algunha con este persoal, nin lle será esixible responsabilidade de ningunha clase como consecuencia das relacións existentes entre a adxudicataria e os seus empregados”, recolle o prego de condicións deste concurso.
No documento se insiste que a TVG queda “eximida” de calquera responsabilidade ou neglixencia ou falta de cumprimento das normas de seguridade no traballo. Ademais, se suliña que é a empresa adxudicataria a que debe dar as directrices de traballo aos seus empregados e que a TVG é “allea a estas relacións laborais”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.