Jesús Cubillo, psiquiatra e pintor

J. D. Cubillo expón a súa obra pictórica no Sporting Club Casino da Coruña (Rúa Real, 83) do 15 ao 30 de abril. “As cores do ferro” é o título co que o autor denomina a súa propia obra, froito de dous anos de intenso traballo no seu estudo; con esta exposición inicia unha nova etapa na súa traxectoria, que se volve menos figurativa e máis conceptual e abstracta. Nas súas exposicións anteriores centraba a súa pintura na reprodución de materiais de laboratorio, terras abatidas, paisaxes mineiros, construcións industriais e complexos metalúrxicos. Con esta exposición abandona eses temas e territorios e centra a súa mirada en novas temáticas.

Por Pablo Vaamonde | A Coruña | 21/04/2015

Comparte esta noticia

A súa dedicación á pintura iniciouse na mocidade; nos anos de Universidade participou en varias exposicións colectivas de pintores universitarios. A súaprimeira exposición individual realizouna en febreiro de 1981 na sala da Caixa Postal de Aforros da Coruña. O crítico de arte Fernando Mon escribiu naquela ocasión no Ideal Gallego sobre a súa obra: “A pintura de Cubillo é dona dunha recia textura, con masas, rugosidades e equilibrios conceptuais que a singularizan ampliamente. Non só domina as formas, senón a cor, que alcanza a xusta medida da coherencia formal. Pintura, en suma, moi estimable e de ampla comunicabilidade”.

 

Pasaron bastantes anos ata a súa seguinte exposición individual. En 2008 expón a súa obra pictórica na sala de Portas Ártabras baixo o título “Naturezas mortas, construccións e paisaxes”, integrada por unha treintena de pinturas con diversos motivos entre os que destacaban as composicións con material de laboratorio de química, matraces, vasos, crisois, construcións industriais e paisaxes de territorios mineiros. En 2013 regresa a Portas Ártabras con novas obras que expón baixo o título “Novas naturezas mortas, construccións e paisaxes”. Presenta unha treintena longa de pinturas de material de laboratorio, complexos siderometalúrxicos, altos fornos,  poboados minieros, pozos e castilletes.

 

A exposición actual, “As cores do ferro”, recolle o esencial da súa obra dos dous últimos anos. Significa unha ruptura coa liña anterior e, dalgún modo, un retorno ao tipo de pintura dos anos 1979 a 1981. Máis afastada da figuración e con maior énfase na cor e a textura, tamén incorpora o que Fernando Mon chamou no seu día “materiais extrapictóricos” que, nesta ocasión son, ademais de madeiras, pezas metálicas máis ou menos oxidadas; todo iso unido á utilización preferente de pigmentos constituídos por óxidos e hidróxidos de ferro, que dan título á mostra. http://pablovaamonde.blogspot.com.es/

 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Pablo Vaamonde Nado na Baña en 1956. É médico de familia no Centro de Saúde de Labañou (A Coruña). Foi fundador e director da revista médica Cadernos de Atención Primaria (1994-2005), presidente da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (AGAMFEC) de 1996 a 2005 e vicepresidente do Colexio Oficial de Médicos de A Coruña e responsable do Programa de Formación Continuada de 1998 a 2005. Foi director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas entre 2005 e 2006. Tamén foi membro da Comisión Sectorial de Sanidade que elaborou o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, colaborador habitual dos medios e autor de tres libros de narrativa: O fillo do emigrante (2002), O mes de abril (2004), Luz Divina e outros retratos (2006). Recibiu o Premio Lois Peña Novo en 2005, polo seu compromiso na promoción e defensa da língua de Galicia e é colexiado de Honra con Emblema de Prata (2007) do Colexio Oficial de Médicos da provincia de A Coruña.