“O galego popular presenta unha hibridación alarmante”

Usando “unha variedade fortemente erosionada” non se axuda a normalizar o idioma. Esta é unha das teses dos autores de “Modelos de Lingua e Compromiso”; libro de Baía Edicións editado por Xosé Manuel Sánchez Rei. Nesta entrevista, este profesor de Filoxoxía da UDC denuncia, entre outros puntos, que na TVG faise gala de deturpar o galego e di que xornalistas e políticos deberían dar exemplo de boa praxe coa lingua.

Por Manuel Vilas | A Coruña | 17/04/2015 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Xosé Manuel Sánchez Rei, nado na Coruña en 1973, é un filólogo e escritor galego. Segundo resume a Galipedia, licenciouse en Filoloxía Galego-Portuguesa na Universidade de Santiago de Compostela en 1997 e doutorouse na Universidade da Coruña en 2001, onde actualmente exerce a docencia como Profesor Titular na Área de Filoloxía Galega e Portuguesa. É secretario da Revista Galega de Filoloxía e membro do seu Consello de Redacción desde o seu aparecemento no ano 2000, colaborando tamén con artigos en Terra e Tempo.

Xosé Manuel Sánchez Rei
Xosé Manuel Sánchez Rei | Fonte: Esta imaxe foi obtida da páxina web da AELG, a Asociación de Escritores en Lingua Galega. As fotos orixinais foron producidas por Santos Díez e Eduardo Castro Bal cunha licenza CC-BY-SA 3.0

Baía Edicións e o Grupo Illa da UDC presentan "Modelos de Lingua e Compromiso", un volume editado por este profesor,  o 5 de maio  na Feira do Libro de Santiago. Nesta conversa abórdase a temática do libro e tamén a situación actual da lingua.

Que motivos os levaron a decidir publicar un libro que reflexiona sobre a calidade do idioma e a súa normalización?

Ben, é unha moi boa pregunta porque demanda ser respondida de varias formas. En primeiro lugar, o libro nace da necesidade de subliñar, contra o que parecen pensar algunhas persoas, que non pode haber unha normalización real da lingua partindo dun modelo hibridizado ou barbarizado a respecto do español, pois esa mestura en si propia supón unha das principais ameazas para a sobrevivencia do galego, xunto á substitución, que é a outra cara da medalla da desaparición do idioma. En segundo lugar, no marco do sempre necesario debate científico-académico, as autoras e autores desta obra propomos  outra visión do que debe ser obxecto de promoción da lingua para a súa normalización, xa que non acreditamos en que facendo uso dunha variedade fortemente erosionada se contribúa nin para a recuperación externa do galego (no uso social) nin para a interna (a limpeza de elementos foráneos desnecesarios, adoito provenientes do español). E en terceiro lugar, trátase de devolver ao pobo galego, que ten e tivo o honroso mérito de conservar o idioma, a súa propia lingua destonada na medida do posíbel de hibridacións que só a danan e asentado na tradición galego-portuguesa. Obviamente, en todo este proceso, muda o grao de responsabilidades:  corresponde ás persoas con proxección pública (políticos, xornalistas, autoridades académicas, profesorado, investigadores da lingua etc.) daren exemplo cunha boa praxe pública da lingua; non se pode exixir a quen que non tivo a oportunidade de estudar galego que o utilice na súa vida diaria como o debe facer unha persoa neses ámbitos públicos.

Na presentación do volume indícase que "dificilmente se pode pensar nunha restauración social da lingua cando o que se pretende restaurar está fortemente erosionado polo español"...

O coñecido como “galego popular” presenta uns niveis de hibridación alarmantes en todos aspectos da lingua (fónico, morfolóxico, sintáctico etc.) e o galego dos medios de comunicación arrastra tamén unha débeda nada desimportante a respecto do español, a cal se traduce, normalmente, nun galego linguisticamente neutro que prefire estruturas coincidentes con esa lingua antes que as máis características. 

Até que punto cree que o galego de uso común perdeu identidade ante o dominio do español en ámbitos como os medios de comunicación?

Hai que notar tamén que o galego ten unha moi pouca presenza nos medios de comunicación, o que sen dúbida non favorece o proceso de normalización.

É esta "erosión" un proceso evítabel? 

Habendo vontade de restauración por parte da administración e do ámbito académico, a tal erosión é reversíbel, mais para isto poder producirse as autoridades políticas e académicas teñen de ter vontade real desa recuperación, o que, como é sabido, cando menos por parte das primeiras, dista moito da realidade. En ningún país do noso ámbito (e penso na Alemaña, Franza, Inglaterra, Portugal etc.) acontece que os membros do goberno empreguen a súa lingua respectiva hibridizada a respecto dunha viciña ou que mesmo fagan gala desa mestura. 

Que medidas serían necesarias tomar polas administracións para este fin?

Todas elas pasan porque se involucren verdadeiramente na restauración interna e externa do galego, para alén de simples efemérides folclóricas ou culinarias; despois, asumido este punto inicial, terían de ser ideadas diferentes actuacións destinadas a contextos e ámbitos particulares: administración,  medios de comunicación etc. E, obviamente, a lingua debería ter unha maior presenza no ensino desde os primeiros anos en que unha crianza asiste ás aulas no colexio, para o cal non serve o actual decreto do PP.

Unha norma do galego máis próxima a norma do portugués sería útil para deter esta "erosión"? 

Non se pode dubidar de que unha maior aproximación ao portugués, que, na realidade, é o galego na súa versión máis internacional, favorecería involuír esa barbarización que sofre o galego na súa confluencia co español, mais, na liña do comentado máis arriba, é tamén necesario que as autoridades políticas e académicas se impliquen de verdade na causa do galego. 

Como pode influír a introducion do portugués como optativa no ensino medio na visión que os mozos teñen da lingua?

O pobo galego está nunhas óptimas condicións para se aproveitar da proxección internacional da súa propia lingua, chamada “portugués” fóra da Galiza; por iso, cunha boa didáctica e unha adecuada praxe do ensino da norma portuguesa, penso que a mocidade podería mellorar a súa percepción do galego se soubese a poderosa axuda que pode ser ter plena consciencia de que o galego é falado por máis de 200 millóns de persoas no mundo.

Por que consideran que a calidade do galego está vencellada coa súa popularización? Un galego máis culto e menos 'popular' limitaría ou axudaría a sua adopción polos máis novos?

As autoras e os autores do libro somos da opinión que a expansión social do galego a través da súa recuperación de usos se acha intimamente unidade a un modelo de lingua digno, xa que dificilemente se pode normalizar unha variedade fortemente influída polo español. Ao mesmo tempo, a lingua debe contar con varios rexistros para ser empregada en contextos ben diferentes e aí teñen cabida tando as variedades máis formais canto as máis populares. Mais ao falarmos de tipos de galego máis populares non estamos a nos referir a variedades coloquiais grandemente interferidas polo español, mais a rexistros populares, claro, aínda que destonados de formas tiradas do castelán. Pode haber unha lingua máis popular que a do cancioneiro anónimo tradicional? Pois ben, xa no século XIX os eruditos que se dedicaron á súa compilación, como Saco Arce ou Pérez Ballesteros, eran plenamente conscientes de que os cantos tradicionais tiñan algúns elementos bárbaros, normalmente lexicais, e ocupáronse moi ben de, nas súas posibilidades, os identificaren.

Un dos xeitos comúns de denominar ao estándar do galego, ás veces críticamente, é o "galego da TVG". Que papel debe xogar a emisora pública na fixación dese estándar? Está a cumprir a súa obriga legal de fomentar a normalización do idioma? 

A TVG ten como unha das súas finalidades promocionar a lingua galega e ser un dos máis importantes factores no seu proceso de recuperación de usos e de prestixio. Por tal motivo, debe contribuír para a proxección da variedade estandarizada, mais tamén ten de se converter nunha ferramenta útil para a dignificación da lingua, o que, coa existencia de determinados programas que mesmo fan gala de deturpararen o galego, pouco ou nada contribúe para a normalización do idioma.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 35 comentarios

8 galegoexiliado

Tén razón o de La Curuña, Fora hibridación. Quitemos todalos palabros que soen a español ou proveñan do latín, do árabe, do celta, do suevo, do godo, do visigodo, do castrexo.....e falemos portujés, a única lingua de orixe puro, sin evolucionar e sin hibridar desde que o mono baixou dos carballos.

7 federico

Dito o anterior, moita solución non lle vexo ao problema descrito. As que da o autor para nada parécenme efectivas. A xente non imita a políticos ou catedráticos cando fala cos veciños ou os amigos. En qué mundo vive este linguista ? Intenta falar coma eles. E un galego falante empregando un idioma lexicalmente non influido polo español tería problemas para facerse entender polos outros falantes. Hai dous anos nunha aldea de Ourense non me entendían cando pedía un funil. E empregar un termo como castelo en lugar de "castillo" ben comprendín que o consideraban unha pedantería.

6 federico

O fenomeno descrito ocorre en todos os idiomas minoritarios de Europa. Tamén no catalán, no galés, no euskera, que son os que están en millor situación. O falante non se esforza en utilizar as expresións proprias, non lle é necesario para facerse entender polos outros, xa que todo o mundo comprende xa o español. Os monolingues van desaparecendo. O grave do noso caso é que ao seren castelán e galego idiomas moi similares, o proceso leva á desaparición na práctica do galego. A un de Madrid élle máis dificil entender a un gaditano que a un de Lugo falando en galego. Por iso no se subtitula o galego na televisión española. De feito, dubido que se poda falar hoxe de galego coloquial como idioma diferenciado do español.

1 Punto

Sobre a túa última frase, telo moi fácil. Pon un texto de galego coloquial a un español, e con galego digo galego, non esa cousa dos neofalantes, lusistas ou non lusistas. O galego coloquial conserva unha fonética perfecta e non é intelixible a un español.

2 federico

Non tal. Iso é o que che parece a tí ao comparalo á fonética dos neo falantes. O certo é que desde hai cen anos foron desaparecendo moitos trazos coma as contraccións, algo ben característico do galego e do portugués. Non se dicía, por exemplo, "non as vin", mais "n´as vin".

3 Punto

Cen anos???? Sal algún día da cidade, rapaz. Coñezo ducias de rapaces que din "n´as quero". Ademais de toda a miña familia, que ten menos de cen anos.

4 Terrao

HAHAHAHAHA, cen anos. Vaia lambelareiras. Polo menos na Terra Cha todo Cristo di "n'as vin"

5 federico

Estimados trolls. Tedes razón, non existe influencia algunha do castelán no galego das vosas maravillosas aldeas. Qué felicidade! E qué riquiños sodes contestando, canta educación e cortesía! Iso si, millor trolear que verdes os problemas. Faño dunha tendencia xeral, a perda de trazos de pronuncia enxebre. Hai lugares que o galego está menos contaminado que outros, vaia novidade ! O que pasa que hai cen anos TODOS os falantes utilizaban esas contraccións que puxen de exemplo.

5 aceB

Este é tan listo que fala da "hibridación" do galego, e logo quere hibridalo artificialmente co portugués. Macho, que falla tedes de ler máis.

4 Qgp9

A xente coma esta ten que desprogramarse, non son capaces de escribir 10 liñas sen dicir que o galego é un dialecto local do portugués. Un disparate filoloxico que nos importa 10 merdas a xente normal.

1 barrosao

A "xente normal",na Galiza é ao que se ve filólogo da silveira e conhece perfeitamente o portugues a poder de comprar toalhas em Valença aos sábados.