Pontón anima a votar e Rueda asegura que o resultado das xerais non condicionará a data das autonómicas

Tanto o presidente da Xunta e do PPdeG, Alfonso Rueda, como a líder nacional do BNG, Ana Pontón, e o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, fixeron este domingo un chamamento á participación nas eleccións e coincidiron en que Galicia se está a xogar o seu futuro.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/07/2023 | Actualizada ás 11:37

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta e do PPdeG, Alfonso Rueda, fixo un chamamento á participación nestas eleccións xerais e asegurou que Galicia "se xoga decidir o seu futuro". Na mesma liña se pronunciou a líder nacional do BNG, Ana Pontón, que asegurou que "o voto é o maior poder que ten a cidadanía para decidir o seu futuro", por iso debe exercelo.

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, exerce o seu dereito a voto nun colexio electoral das Pontes
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, exerce o seu dereito a voto nun colexio electoral das Pontes | Fonte: PSdeG

Rueda, en declaracións aos medios tras exercer o seu dereito a voto no Centro Galego de Tecnificación Deportiva, en Pontevedra, destacou que "todo está disposto" para que durante este día todo o mundo poida achegarse a votar e "dedicarlle un pequeno momento durante o día". "Hai tempo para todo", sinalou o presidente galego antes de apuntar que a climatoloxía "vai acompañar para facer o que cada un queira".

Acompañado da súa familia e da candidata do PP ao Congreso por esta provincia, Ana Pastor, Rueda lembrou que é "moi importante" participar e relatou que "todo indica que a participación vai ser alta". Neste sentido, puxo en valor o "aumento notable" do voto por correo e volveu a animar á cidadanía a acudir ás urnas nesta xornada electoral.

Así, afirmou que Galicia se xoga "decidir o seu futuro", así como "ter unha boa relación e ser esixente co Goberno que saia das urnas". Nesta liña, insistiu en que "é importante ter un Goberno que atenda ao que pida Galicia", posto que se necesita "estar ben coordinados" entre administracións e, especialmente, "cun Goberno central que ten moito que dicir".

RUEDA FALA DE "BOAS VIBRACIÓNS"

A preguntas dos medios sobre se el, do mesmo xeito que Pedro Sánchez, tamén acudiu ás urnas con "boas vibracións", o líder dos populares galegos manifestou que "iso é o que vai dicir todo o mundo, téñaas ou non". No seu caso, asegurou que, "sinceramente", ten esas boas vibracións, aínda que, matizou, "non só no día de hoxe", senón que "veñen dos días anteriores".

Así mesmo, cuestionado sobre se a data dos comicios autonómicos tamén está en xogo este domingo, Rueda dixo que non e que este domingo "está en xogo o resultado das eleccións xerais e quen será o futuro presidente de España".

O presidente do PPdeG ten previsto pasar a tarde en Santiago e a partir das 19.00 horas acudirá á sede dos populares para seguir o reconto e a noite electoral. Antes, Rueda desprazarase a San Sadurniño para asistir ao funeral do irmán do vicepresidente da Xunta, Diego Calvo, falecido este venres por mor dun infarto.

PONTÓN AFIRMA QUE "O VOTO É O MAIOR PODER QUE TEN A CIDADANÍA"

Pola súa parte, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, animou aos galegos a acudir ás urnas "con ilusión, ganas e convicción", porque "é evidente que o voto é o maior poder que ten a cidadanía para escribir o seu futuro".

Para Pontón, estas eleccións son "moi importantes", xa que, na súa opinión, hai moito en xogo: "Cal é o noso peso político, cales van ser os dereitos e liberdades do futuro".

En declaracións aos medios este domingo cando acudiu a exercer o seu dereito a voto ao Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), en Santiago, a líder nacionalista insistiu en que estas son unhas eleccións "importantes" nas que Galicia "se xoga parte do seu futuro". "É fundamental que todos participemos e que a nosa voz estea presente nas urnas", reivindicou.

Antes, Pontón acompañou ao seu colexio electoral ao candidato do BNG ao Congreso pola provincia da Coruña, Néstor Rego, que asegurou que este é o momento de que os galegos "falen para decidir que país queren no futuro".

"Nestas eleccións vanse a decidir cousas moi importantes que nos van a afectar como persoas e tamén como pobo, por tanto, todo o mundo debe participar e debe facelo con confianza en que aquilo que decidan vai ser o mellor para este país", manifestou.

FORMOSO CRE QUE PAGA A PENA "DEIXAR DE BAILAR NA VERMÚ" PARA IR VOTAR

A candidata de Sumar ao Congreso pola provincia de Pontevedra, Verónica M. Barbero, exerce o seu dereito a voto en Baiona
A candidata de Sumar ao Congreso pola provincia de Pontevedra, Verónica M. Barbero, exerce o seu dereito a voto en Baiona | Fonte: SUMAR

Tamén o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, fixo un chamamento á cidadanía para que dedique "15 minutos" a acudir a votar nestas eleccións xerais.

"Creo que merece a pena deixar de bailar unha peza na sesión vermú, ou un baño menos na praia, e dedicar 15 minutos a exercer o voto para que outros non decidan o noso futuro e sexamos nós os que decidamos o futuro desta sociedade", manifestou. O líder socialista acudiu a depositar o seu voto nunha urna do colexio electoral situado no CEIP A Magdalena, na localidade coruñesa das Pontes, onde é alcalde.

Alí, destacou que as condicións meteorolóxicas "son propicias" para celebrar "esta festa da democracia". "Hoxe toca facer un chamamento a toda a sociedade para que exerza ese dereito que tanto custou ter, como é o dereito a voto, a decidir o noso futuro como sociedade", insistiu. Por iso, Formoso dixo esperar que ao final da xornada a participación nestes comicios xerais sexa "tan relevante como o día o é e o momento histórico que é".

A CANDIDATA DE SUMAR GALICIA VE O VOTO COMO "UN DEREITO" E "UN PODER"

Así mesmo, a candidata de Sumar Galicia ao Congreso pola provincia de Pontevedra, Verónica Martínez Barbero, lembrou aos galegos que votar é "un dereito", pero tamén "un poder".

"Mando unha mensaxe aos galegos e ás galegas para lembrar que o voto é o noso dereito, pero tamén é o noso poder", manifestou ao acudir a votar este domingo a un colexio electoral do municipio pontevedrés de Baiona.

Alí, a cabeza de lista da formación encabezada por Yolanda Díaz tamén aproveitou para mostrar o seu agradecemento a todo o persoal que traballa nesta xornada, "particularmente empezando polo persoal de Correos", así como aos membros das mesas e apoderados de todos os partidos.

O presidente da Xunta e do PPdeG, Alfonso Rueda, acode a votar ao Centro Galego de Tecnificación Deportiva, en Pontevedra
O presidente da Xunta e do PPdeG, Alfonso Rueda, acode a votar ao Centro Galego de Tecnificación Deportiva, en Pontevedra | Fonte: PPdeG
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta